Lara Méndez reclama á Xunta políticas útiles e urxentes para o sector primario e o relevo xeracional

A deputada do PSdeG, Lara Méndez, reclamou na Comisión parlamentaria que a Consellería do Medio Rural deixe atrás “anuncios baleiros” e pase “dunha vez” das palabras aos feitos no que atinxe ao apoio ao sector primario e ao relevo xeracional.
Durante o debate sobre o Programa de Desenvolvemento Rural (PDR), Méndez afirmou que “o sector primario galego non precisa máis propaganda, senón políticas útiles, eficaces e urxentes”. A súa intervención produciuse nun contexto no que, segundo denunciou, non se coñece ningunha novidade relevante nin cambio substancial na xestión do PDR que xustifique a comparecencia do Goberno.
A parlamentaria socialista enumerou os principais problemas que afronta o campo galego: baixadas de prezos en orixe, incremento dos custos de produción, peche continuado de explotacións, incerteza ante o impacto do acordo UE-Mercosur, dúbidas sobre o futuro financiamento da PAC e os efectos crecente do cambio climático nas producións.
Ao seu xuízo, centrar o debate no PDR sen introducir cambios profundos supón “unha manobra para gañar tempo”. Por iso, instou á Xunta a fixar unha posición clara fronte a Mercosur, defender un orzamento suficiente para a PAC no novo Marco Financeiro, garantir prezos xustos e reforzar o apoio á incorporación de mozos e mozas ao sector.
Reforma profunda do PDR
Méndez recoñeceu que existe actividade operativa no marco do PDR galego, pero advertiu de que non se aprecia un “cambio de modelo” nin unha adaptación ambiciosa ás novas necesidades. Neste sentido, reclamou unha reforma estratéxica profunda que incorpore elementos transversais como a sustentabilidade e a captura de carbono, a resiliencia e adaptación ao cambio climático, o equilibrio territorial e o apoio aos pequenos produtores.
Tamén pediu mecanismos de defensa comercial ante posibles impactos do acordo UE-Mercosur e medidas específicas para afrontar os desequilibrios da cadea alimentaria.
A deputada insistiu en que, ademais de garantir orzamentos suficientes e prioridades claras, é necesario establecer un calendario simplificado que permita a agricultores e gandeiros planificar con seguridade as solicitudes e investimentos, favorecendo así o relevo xeracional e a viabilidade das explotacións.