Lugo acolle a celebración do Día de San Alberto Magno e da Química 2025

O Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga) e a Asociación de Químicos de Galicia celebran este sábado, 15 de novembro, en Lugo, a festividade do seu patrón, San Alberto Magno, coincidindo tamén co Día da Química 2025.
Os actos darán comezo ás 11.00 horas coa Xunta Xeral do Colexio e a Asemblea Xeral da Asociación, presididas polo decano e presidente, Manuel Rodríguez Méndez, no Hotel Torre de Núñez. Mentres se celebran estes encontros, os acompañantes poderán visitar o casco histórico de Lugo e a súa muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade.
Ás 14.00 horas celebrarase un xantar no mesmo hotel, tras o cal terá lugar a entrega do Premio á Excelencia Empresarial Química de Galicia 2025, que este ano recoñece á fábrica de cemento de Oural, propiedade da multinacional Votorantim.
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria, Nicolás Vázquez Iglesias, será o encargado de facer entrega deste galardón. Ademais, o químico Antonio Macho Senra, exdecano do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España e ex presidente de Unión Profesional de Galicia, recibirá o título de Colexiado Distinguido 2025.
Durante a xornada tamén se distinguirá aos profesionais con 50 e 25 anos de pertenza á institución colexial, e os novos colexiados recibirán o seu diploma.
Manuel Rodríguez destacou a importancia de Lugo neste sector, subliñando que moitos profesionais da química formados nas universidades galegas traballan no tecido industrial da provincia, especialmente vinculado ao sector primario, contribuíndo de maneira decisiva á construción da Galicia do futuro. O obxectivo desta celebración é tamén mostrar á sociedade galega o protagonismo da profesión química no seu entorno máis próximo.