Lugo acollerá o 13 de marzo o encontro Women in Sports 2026

A Delegación Territorial da Xunta será escenario dunha xornada que reunirá profesionais de distintos ámbitos para dar visibilidade ás mulleres no sector deportivo
Women-in-Sports-(WIS)-2026-Lugo
5 Mar 2026

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo será o escenario o vindeiro 13 de marzo do evento Women in Sports (WIS) 2026, unha iniciativa que ten como obxectivo empoderar, visibilizar e conectar mulleres de todos os ámbitos vinculados ao deporte, desde deportistas e directivas ata profesionais da saúde ou estudantes interesadas en desenvolver a súa carreira neste sector.

A convocatoria está promovida pola The Mathurin Family Foundation e chega á cidade da man de Jessica Féquière, vicepresidenta da entidade e xogadora do CB Ensino. A organización conta coa colaboración da agrupación deportiva Sagrado Corazón.

A actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 20:00 horas baixo o lema 'Os moitos rostros da muller no deporte'. O panel estará integrado por catro profesionais con traxectorias diversas que compartirán experiencias e reflexións arredor do papel feminino neste ámbito. Xunto a Lydia Giomi intervirán a fisioterapeuta especializada en solo pélvico Patricia Pontón, a médica Elena Quintas e a xornalista deportiva Zeltia Rigueiro. A moderación correrá a cargo da tamén xornalista María Martínez Guntín.

Ademais das intervencións das relatoras, o programa inclúe unha quenda de preguntas aberta ao público asistente e unha sesión posterior de networking, co obxectivo de fomentar o intercambio de contactos e a creación de sinerxías. A xornada abordará cuestións moi diversas e está dirixida a un público amplo, co propósito de contribuír a derrubar estereotipos e fortalecer redes de apoio que impulsen o liderado feminino entre as novas xeracións de mulleres no deporte.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou o programa acompañado por Féquière e polo presidente da asociación Sagrado Corazón, Rubén Engroba. No acto tamén participou a xogadora do Ensino Lydia Giomi, que será unha das relatoras da xornada, ademais doutros membros do club.

0.35058879852295