Lugo e Ferrol celebran vinte e cinco anos de irmandamento

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado pola Corporación Municipal, presidiu na Casa Consistorial a recepción ao rexedor de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e á corporación ferrolá, nun acto que conmemorou o vinte e cinco aniversario do irmandamento entre ambas urbes.
O encontro serviu para reafirmar a cooperación institucional e pór en valor os desafíos compartidos, entre os que Fernández destacou a mellora da conectividade territorial e a protección do patrimonio histórico e cultural, cos centros históricos como principais símbolos.
Durante o acto, celebrado no salón de plenos, realizouse o tradicional intercambio de agasallos e expresáronse mensaxes de amizade e respecto mutuo. O alcalde lucense lembrou que “en pouco máis dun mes celebraremos tamén os vinte e cinco anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade” e aproveitou para desexar éxito a Ferrol na súa candidatura “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” para acadar o recoñecemento da Unesco.
Nun discurso marcado pola emotividade, Miguel Fernández reivindicou o papel de Lugo e Ferrol como motores do norte de Galicia, sinalando que “non podemos confundir cidades medianas con obxectivos menores”. Subliñou que ambas urbes deben avanzar unidas en eidos como as comunicacións, a demografía e a revitalización dos centros históricos, que definiu como “o verdadeiro motor de cambio para as dúas cidades”.
O rexedor lucense incidiu tamén na necesidade de mellorar tanto a comunicación exterior como interior, destacando que “unha cidade accesible e cómoda é unha cidade aberta e acolledora”, e salientou os avances cara á peonalización e á recuperación de espazos para a cidadanía.
Para concluír, Fernández expresou o seu desexo de que “estes vinte e cinco anos de irmandamento sexan só o comezo dunha longa traxectoria conxunta para construír cidades sostibles, cheas de oportunidades, cómodas, accesibles e únicas”.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, definiu a súa cidade como “coñecida pola súa tradición naval” e a Lugo como “o corazón do interior galego, cunha historia profundamente ligada ao legado romano”. Recordou que Ferrol traballa con intensidade na súa candidatura ante a Unesco e puxo en valor o potencial compartido entre ambas urbes. “Lugo e Ferrol son territorios con grande potencial que non sempre foron valorados como merecen”, dixo, engadindo que o irmandamento está a contribuír a cambiar esa percepción.
Rey Varela tamén fixo referencia aos retos conxuntos en materia de vertebración territorial, comunicacións, integración no Corredor Atlántico e creación de emprego, e concluíu apelando ao espírito de San Froilán para “seguir construíndo pontes de cooperación e entendemento en beneficio das xeracións futuras”.