Luis López destaca un investimento de 8,5 millóns da Deputación en dous anos para impulsar enerxías sostibles

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou o impulso investidor de 8,5 millóns de euros en dous anos para fomentar proxectos de eficiencia enerxética e a instalación de sistemas de produción e consumo sostibles en concellos, comunidades e colectivos da provincia. Fíxoo no marco do primeiro congreso de comunidades enerxéticas, celebrado no viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis, no que tamén participou o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís.
López subliñou que a produción e consumo de enerxía forman parte da aposta transversal pola sustentabilidade da Deputación, que hai menos de dous anos puxo en marcha a Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, cun orzamento de 750.000 euros (500.000 procedentes de fondos europeos).
Segundo explicou, desde febreiro de 2024 realizáronse 57 reunións informativas en 57 concellos, asesoráronse 14 entidades, constituíuse xa unha comunidade enerxética e outras seis están a piques de facelo, ademais de elaborar 40 estudos de potencial enerxético. Entre os grupos promotores figuran as Comunidades de Montes de Anceu e Nespereira e a Residencia da 3ª Idade de San Pedro de Crecente.
A actividade continuará nas vindeiras semanas con 18 charlas en concellos, 23 novos estudos, 14 asesoramentos e 8 accións formativas en diferentes comarcas.
No marco do programa +Renovables, López destacou investimentos como os 4,2 millóns en 38 concellos para plantas fotovoltaicas, con apoio europeo de 2,4 millóns, os 2,7 millóns para renovar o alumeado público en 18 concellos, as instalacións fotovoltaicas por 160.000 euros en cinco municipios, sistemas xeotérmicos por máis de 410.000 euros en dous concellos e 120.000 euros para instalacións de aerotermia en Catoira e As Neves.
O presidente concluíu agradecendo a implicación de colectivos e administracións e expresou o desexo de que no vindeiro congreso as cifras e experiencias “sexan aínda máis positivas”.