Luisa Sánchez destaca o impacto do automobilismo na provincia na presentación do Rallye de Pontevedra

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, destacou o valor social, económico e turístico do automobilismo na presentación do VII Rallye de Pontevedra en Sanxenxo, onde tamén se anunciou a participación do gañador do segundo +Talento Motor.
Rallye de Pontevedra
16 May 2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves, 15 de maio, no Náutico de Sanxenxo na presentación do VII Rallye de Pontevedra, “unha cita que continúa consolidándose ano tras ano como un dos grandes eventos do motor na nosa provincia e no conxunto de Galicia”. O evento está organizado pola escudaría Congostra Team Sanxenxo e conta co apoio da institución provincial.

Durante a súa intervención, Sánchez destacou que “na Deputación cremos firmemente no deporte como motor social, económico e turístico, e non hai dúbida de que o automobilismo é un claro exemplo disto”. Enfatizou tamén a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que contribúen á dinamización do territorio e á proxección exterior da provincia.

A vicepresidenta salientou a “aposta decidida e transversal” da Deputación por converter Pontevedra “nun referente en organización de eventos deportivos, en talento e en promesas deportivas”. Neste sentido, puxo en valor o programa +Talento Motor, impulsado pola Deputación e renovado este ano tras o éxito da súa primeira edición.

O gañador desta segunda edición, Roi Rodríguez, participará xunto a Daniel González nas cinco probas que compoñen a Copa Dacia Sandero Eco Cup, incluído o propio Rallye de Pontevedra. “Queremos seguir formando ás novas xeracións do automobilismo galego e proxectando o seu talento alá onde compitan”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.1141140460968