Lydia Pérez e Nerea Pampín participarán na concentración internacional en París previa ao Europeo absoluto de loita

As deportistas galegas Lydia Pérez (Club de Loita Pontevedra) e Nerea Pampín (Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces) foron convocadas pola Selección Española de Loita Feminina para participar na concentración internacional que terá lugar entre o 20 e o 30 de marzo no INSEP de París. Trátase da última fase preparatoria antes do Campionato de Europa Absoluto, no que tamén participarán.
Durante 10 días, o INSEP de París acollerá ás mellores loitadoras do mundo, nunha concentración organizada pola Federación Internacional de Loita (UWW), na que estarán presentes países como Estados Unidos, Canadá, Francia, Italia, Alemaña ou Romanía. Esta fase será clave para a Selección Española debido ao elevado nivel e número de sparrings dispoñibles por categoría de peso.
Lydia Pérez, que adestra habitualmente no propio INSEP de París, competirá na categoría de -62 kg. Pola súa banda, Nerea Pampín, que se adestra no CAR de Madrid, participará na categoría de -68 kg. Ambas forman parte do equipo nacional que representará a España no Campionato de Europa, xunto con Victoria Báez (Madrid) e Graciela Sánchez (Baleares).
Tras a concentración, as loitadoras terán unha semana de menor volume de traballo antes de viaxar a Bratislava (Eslovaquia), onde se celebrará o Europeo entre o 8 e o 13 de abril. Esta será a primeira gran competición internacional do ano, tras varias probas preparatorias nas que Lydia Pérez, por exemplo, logrou unha medalla de ouro en Bulgaria.
Recentemente, tanto Lydia como Nerea participaron nunha concentración no CAR de Madrid coa chegada do novo seleccionador nacional, Wilfredo García. Chegan a esta última fase de preparación en moi boa forma e con grandes expectativas para representar ao deporte galego e español no máis alto nivel continental.