Máis de 1.100 estudantes reciben axudas da Xunta para participar no Erasmus+

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de axudas complementarias ao programa Erasmus+, da que se benefician este curso 1.126 estudantes universitarios galegos. Estas bolsas forman parte do programa Galemundo, a través do que a Xunta apoia a mobilidade internacional para alumnado e persoal docente.
Por universidades, 494 das persoas beneficiarias son da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 370 da Universidade de Vigo (UVigo) e 262 da Universidade da Coruña (UDC). O 62 % dos estudantes becados son mulleres (699), mentres que os homes representan o 38 % (427).
En canto ás ramas de coñecemento, o 50 % dos bolseiros estuda Ciencias Sociais e Xurídicas; o 15 %, Enxeñaría e Arquitectura; o 14 %, Ciencias da Saúde; o 12 %, Ciencias; e o 9 %, Artes e Humanidades.
Os principais países de destino son Italia (263 estudantes) e Polonia (242), seguidos de Romanía (82), Portugal (68), Chequia (67) e Francia (45).
A Xunta destina a esta convocatoria máis de 1,6 millóns de euros, un 5 % máis ca o ano anterior. A contía das bolsas oscila entre os 445 € e os 2.255 €, en función da duración e do país de destino. Ademais, 540 estudantes con estadías iguais ou superiores a seis meses recibiron 500 € adicionais, comezando polos expedientes con maior nota media ata esgotar o orzamento.
Estas axudas están incluídas no programa Galemundo, que permite a 7.000 estudantes e docentes galegos formarse no estranxeiro este curso. A Xunta destina máis de 15 millóns de euros ao conxunto destas bolsas para mellorar as competencias en idiomas da comunidade educativa galega.