Máis de 300 xogadoras e xogadores competirán no ‘Circuíto 3×3’ na Praza do Obradoiro

A Praza do Obradoiro converterase este sábado 24 de maio nunha gran cancha ao aire libre durante o Circuito 3×3 CaixaBank, organizado pola Federación Española de Baloncesto e a Federación Galega de Baloncesto, con apoio do Concello, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega e a Xunta.
Na presentación, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, estivo acompañada polo presidente da FGB, Julio Bernárdez; a directora xeral, Susana Fernández; e María Jesús García Piñeiro, de CaixaBank. Lueiro destacou o espírito de “Cancha para todxs”, que promove a igualdade, o respecto e o envellecemento activo coa participación de máis de 300 xogadores e xogadoras en máis de 50 equipos de toda Galicia.
A inscrición permanecerá aberta ata mañá, e durante a xornada desenvolveranse, ademais dos partidos, adestramentos para persoas maiores, xogos familiares e actividades para a mocidade. Un dos puntos fortes é a iniciativa #TRIPLASOLIDARIA: cada tripla anotada achegará un donativo da Fundación “La Caixa” á Fundación Andrea, ata acadar o obxectivo de 1.000 triplas por sede.
O ambiente estará animado polos embaixadores do circuíto, coa presenza do xogador profesional Javier Beirán, e actividades musicais e de animación para os espectadores. Lueiro subliñou que esta cita reforza a posición de Santiago como “capital do deporte galego” e convida a toda a veciñanza a disfrutar dun día de deporte e solidariedade.