Máis de 672.000 euros para o traslado de pacientes con enfermidade renal en Lugo

A Xunta de Galicia dedica 672.880 euros a colaborar coa Asociación de Enfermos de Ril (Alcer) Lugo no transporte dos pacientes que reciben tratamento de hemodiálise desde os seus fogares ata os centros sanitarios da área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Consellería de Sanidade vén de asinar un novo convenio coa asociación para garantir estes desprazamentos. O acordo terá unha vixencia dun ano, con opción a prórroga por ata tres anos adicionais.
Esta iniciativa beneficiará ás persoas con insuficiencia renal crónica que reciben tratamento nos centros do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na provincia. Os traslados poderán realizarse en taxi ou ambulancia, dependendo das necesidades médicas de cada paciente.
Arias destacou que Lugo é a única provincia de Galicia que conta con este servizo, cuxo obxectivo é facilitar os continuos desprazamentos das persoas que deben acudir con frecuencia aos centros asistenciais para someterse á hemodiálise. “Deste xeito ofrécese unha atención personalizada que contribúe a mellorar a calidade de vida dos pacientes, independentemente da súa localización”, afirmou.
Tamén resaltou que a Xunta continúa traballando para facer que este tratamento sexa cada vez máis accesible. Neste sentido, a Consellería de Sanidade comezou a introducir a diálise domiciliaria en Galicia, cunha previsión de ampliación progresiva deste servizo.
Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, este programa de transporte sanitario impulsado por Alcer na provincia de Lugo traslada unha media mensual de 161 pacientes, organiza 53 rutas e percorre aproximadamente 67.741 quilómetros cada mes.