Máis de cen entidades sociais de toda Galicia celebraron na Coruña o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Máis de cen entidades sociais de toda Galicia reuníronse este mércores no Parrote para celebrar unha nova edición de Baixo o mesmo paraugas, unha iniciativa que cumpre dez anos e que volveu reivindicar os dereitos e a visibilidade das persoas con discapacidade coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
O acto contou coa presenza de familias, representantes institucionais e numerosos colectivos do ámbito social. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participaron na lectura do manifesto xunto a seis persoas con discapacidade e un alumno que interveu en representación dos centros educativos da cidade. Tamén asistiu Ricardo Iglesias, xerente de ASPACE Coruña, entidade impulsora desta campaña que xurdiu hai case unha década e que cada ano suma novas adhesións.
Durante a súa intervención, a alcaldesa lembrou o valor daquela iniciativa orixinal de ASPACE e subliñou que “cada pequeño logro alcanzado en este sentido, fuese en el ámbito laboral, social o jurídico, también llegó gracias a iniciativas como esta”. Rey quixo destacar o papel dos colectivos que traballan a diario pola inclusión: “de todas las personas que trabajan por la inclusión real de las personas con diversidad funcional: las entidades del tercer sector y las personas voluntarias, y en especial de las familias, porque son el motor que permite seguir avanzando para alcanzar logros que décadas atrás parecían inalcanzables o que ni siquiera estaban sobre la mesa de las Administraciones públicas”.
A rexedora puxo o foco nos retos pendentes pero cada vez máis próximos, entre eles “garantizar la accesibilidad universal en los espacios públicos, pero también el reconocimiento de la igualdad real de oportunidades, que cada vez vemos más cerca”.
A xornada concluíu coa imaxe tradicional que acompaña esta iniciativa desde os seus inicios: unha multitude de paraugas de cores erguidos ao aire, símbolo da unión de entidades e cidadanía en favor da visibilización e do apoio ás persoas con discapacidade.