Máis de vinte marchas fúnebres en defensa do ensino público na cuarta xornada de folga

O profesorado galego protagonizou máis dunha vintena de mobilizacións e marchas fúnebres en todo o país na cuarta xornada de folga do trimestre, denunciando a falta de persoal, a precarización laboral e o inmobilismo da Consellaría de Educación
Huelga Educacion
17 Dec 2025

O profesorado galego volveu saír á rúa nunha nova xornada de mobilizacións en defensa do ensino público, cun total de máis dunha vintena de marchas fúnebres e concentracións espalladas por todo o país. As protestas, convocadas no marco da cuarta xornada de folga do trimestre, tiveron lugar nas sete cidades galegas e en concellos como Monforte, Viveiro, O Vicedo, Sober, Negreira, Cangas, Bueu, Moaña, Redondela, Gondomar ou Ponteareas.

Vestidas de negro e con simbología mortuoria —cadaleitos, velas e música solemne—, as persoas participantes quixeron escenificar o que consideran o “enterro do ensino público galego”, denunciando o deterioro progresivo do sistema educativo como consecuencia das políticas da Consellaría de Educación. Nas mobilizacións participaron maioritariamente docentes, pero tamén familias, alumnado e membros das ANPA.

Ao remate das marchas, representantes de CIG-Ensino e STEGA deron lectura a un manifesto no que se apelou á dignidade do profesorado e se criticou o inmobilismo da administración autonómica, acusada de negarse a negociar coas organizacións sindicais maioritarias.

Entre as principais reivindicacións figuran a falta de profesorado especialista e de persoal auxiliar coidador para atender á diversidade, un problema que se fixo especialmente visible neste curso; as ratios elevadas, sobre todo nas áreas urbanas e periurbanas; a precarización das condicións laborais, con contratos a media xornada e profesorado itinerante en varios centros; así como unha burocracia excesiva que, segundo denuncian, impide dedicar tempo suficiente á preparación das aulas e á atención do alumnado.

No manifesto tamén se denunciou a escaseza de orientadoras e orientadores, a falta de desdobres e a insuficiente oferta pública de prazas. “Faltan moitas cousas e sobran outras: sobra burocracia, sobra propaganda, sobran recortes e sobran motivos para continuar esta loita mentres non vexamos melloras reais”, sinalaron.

As organizacións convocantes lembraron que esta é xa a quinta xornada de folga, unha situación que consideran excepcional e que só ten precedentes nos cursos 1986/87 e 1987/88. Ademais, advertiron de que sen estas mobilizacións non se producirían movementos recentes da Consellaría en cuestións como a recuperación do horario lectivo en secundaria ou a baixada de ratios.

A mobilización continuará este mércores, 17 de decembro, cunha manifestación nacional en Santiago de Compostela ás 11.30 horas. A protesta partirá do Parlamento de Galicia e rematará en San Caetano, diante da sede da Consellaría de Educación, nunha procesión simbólica que pretende chamar a atención da sociedade sobre a situación do ensino público galego.

⚙ Configurar cookies
0.2372260093689