Maite Ferreiro presenta o programa do San Froilán Miúdo e os espectáculos itinerantes

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Comisión de Festas, na que presentou aos grupos os avances referentes á organización do San Froilán deste outubro. Ferreiro adiantou que “o San Froilán Miúdo contará este ano cunha completa programación para toda a familia, con actividades de rúa e na carpa do Seminario, achegando a Lugo os mellores espectáculos do panorama galego, estatal e internacional”.
A carpa do San Froilán Miúdo, que se instalará no aparcadoiro do Seminario, contará con espectáculos como “Pocket Loop” da Compañía StopStoi, “Tranvía Nº12” de la Finestra, “Crunch 2” de Muu, “Humanus Comicus” de Mondo Costrini, “Gran Sonata” de Le Pluant, “De Vilatriste a Vilalegre” de Teatro ao cubo, “Historias para escagarriñarse” de Teatro Ghazafelhos, ou o tradicional “Festival Infantil de Cántigas e frores”. Todos os días ás 18.30h terá lugar unha actuación na carpa, mentres que os días 5, 6, 11 e 12 de outubro, os nenos e nenas poderán gozar de xogos de 11.30h a 14h e de 16h a 18h.
O ambiente festivo expandirase polas rúas do Recinto Histórico grazas aos espectáculos itinerantes: “Pilots” de La Finestra (Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo itinerante de rúa), “Circo Krasnovorak” de Troula, “Rum rum” e “Transhumancia”, ambos de Xip xap teatre. Outras actuacións de rúa, pensadas para o público familiar, animarán as tardes da semana durante as festas, ampliando así o abano de propostas lúdicas.
"Seguimos traballando para que o San Froilán deste ano volva ser a gran festa do outono galego, cunha programación diversa e de calidade, pensada para todas as idades e que contribúe a potenciar a cultura e o lecer en Galiza”, afirmou Maite Ferreiro.
A concelleira de Cultura afirmou que o PP "está en contra do San Froilán". Ferreiro afirmou que o Partido Popular "leva anos deixando a comisión de festas buscando escusas, mais nunca os vemos presentar propostas nin colaborar para que o San Froilán sexa a festa de todas e todos os lucenses". Ferreiro afirmou que "o PP non se limita só a non facer propostas, acompañan este abandono facendo unha campaña pública negativa en contra das festas e cun apoio ínfimo por parte da Xunta de Galiza". Segundo a edil de Cultura, "isto demostra o desprezo que amosa o Partido Popular cada ano polas festas de todas e todos os lucenses".
Maite Ferreiro puxo en valor que, ante as excusas do PP, "a área de Cultura continuará a organizar unhas festas con actividades diversas que garantirán que todo o mundo poida desfrutar do programa". Ferreiro lembrou que "as festas de San Froilán son cada ano un éxito que se demostra vendo as rúas de Lugo cheas, e neste 2025 repetiremos o un ano máis como a gran festa do outono galego".
A edil de Cultura afirmou que "isto é unha mostra máis de que o PP está en contra do San Froilán, todos os anos queren abandonar a comisión de festa e nin fan propostas nas festas, nin apoian desde a Xunta de Galiza como merece a gran festa do outono galego".
A colaboración nos últimos anos da Xunta de Galiza ao San Froilán é de 25.000€, cantidade que Ferreiro cualificou como "unha cantidade irrisoria para as festas máis importantes de Lugo" e engadiu "este ano investíronse 3.025.000€ no Son do Camiño, e ano a ano vemos como a Xunta gasta centos de miles de euros en actividades fóra de Lugo mentres deixa ás nosas festas máis importantes cunha achega ínfima".
Maite Ferreiro afirmou que desde o Goberno de Lugo "traballamos para que, ano tras ano, o San Froilán sexa unha das festas máis importantes de Galiza", e afirmou que "a colaboración institucional da Xunta de Galiza non axuda a cumprir este obxectivo, dado que manteñen unha colaboración moi pequena comparada con outros eventos".
PODES CONSULTAR O PROGRAMA DETALLADO NESTE ENLACE
O PP NON PARTICIPOU NA XUNTANZA
O Partido Popular de Lugo non participou na Comisión de Festas do San Froilán convocada, ao entender que o executivo municipal utiliza este órgano “coma un mero formalismo para comunicar decisións xa adoptadas, sen contar para nada co partido maioritario da corporación”.
Os populares consideran especialmente grave que, dous días antes de que se convocase a primeira comisión, “se anunciasen os contidos das festas nos medios antes de tratarse neste órgano de traballo, o que evidencia a falta de vontade real de participación”.
Dende o Grupo Popular critican que o goberno local “practique un modelo de xestión opaco e excluínte, no que as decisións sobre o programa do San Froilán se toman de xeito unilateral”.
O edil popular, Javier Vázquez, sinala que “non imos avalar unha programación que custa máis dun millón de euros e que se decide de costas ao grupo maioritario e á cidadanía”. Engade que “non é serio pedírmonos que asistamos a unha comisión onde todo está pechado e nin se responden as preguntas con claridade”.
VALORACIÓN DA AUSENCIA DO PP
A portavoz socialista do Goberno de Lugo, Ana González Abelleira, criticou duramente a ausencia do grupo municipal do Partido Popular na Comisión de Festas do San Froilán, na que todas as formacións políticas están chamadas a participar co fin de contribuír a unha programación diversa, representativa e aberta ao conxunto da cidadanía.
“Alegan que non se teñen en conta as súas achegas, cando non consta que presentaran ningunha. E máis: o órgano onde deben realizarse esas achegas é precisamente esta comisión, da que decidiron ausentarse voluntariamente, por puro interese partidista. É un desprezo aos veciños e veciñas de Lugo”, sinalou González Abelleira, quen cualificou esta actitude de “irresponsable e incoherente”.
A portavoz advertiu, ademais, que “sería intolerable” que esta manobra de ausencia deliberada tivese como obxectivo lexitimar posteriormente unha programación paralela promovida polo PP coa colaboración da Xunta de Galicia. “Se a intención é usar fondos públicos da administración autonómica para tentar organizar un San Froilán paralelo e buscar así rédito electoral, estariamos diante dun episodio de deslealdade institucional moi grave, que vai contra o espírito destas festas e contra a vontade de consenso que debería presidir a súa organización”, declarou.
González Abelleira lembrou que o San Froilán é unha celebración declarada de interese turístico nacional, “construída entre todas e todos ao longo dos anos”, e que merece o máximo respecto por parte das forzas políticas representadas no Concello. “A súa programación debe ser un espazo común, de colaboración e de responsabilidade compartida, non un campo de batalla para buscar titulares partidistas”.