Maite Flores pide concentrar o voto do cambio no peche da campaña á Reitoría da USC

A candidata visita as facultades de ADE e Veterinaria en Lugo e amósase confiada en pasar á segunda volta nas eleccións deste xoves
Maite-Flores-USC
10 Feb 2026

A catedrática de Óptica e aspirante á Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, Maite Flores, desenvolveu unha intensa xornada no Campus de Lugo, onde visitou as facultades de Administración e Dirección de Empresas e de Veterinaria, antes de poñer o broche final á campaña electoral cun acto festivo previsto para esta noite na Sala Capitol. Desde alí, chamou a concentrar o chamado voto do cambio na súa candidatura, que definiu como a proposta máis cohesionada e con maior solvencia para liderar a institución académica.

Flores manifestou sentirse satisfeita e profundamente agradecida polo respaldo recibido ao longo das dúas últimas semanas, así como polo labor desenvolvido polo equipo que integra a súa candidatura. Segundo explicou, partindo dunhas condicións materiais limitadas, lograron artellar unha campaña distinta, cun estilo propio e un enfoque máis creativo, que foi medrando co paso dos días. Nese sentido, destacou que pasaron de non ser tidos en conta a converterse nun rival que xerou preocupación entre as demais opcións.

Durante este período, a candidata asegura que conseguiron trasladar o seu proxecto de cambio a unha parte moi significativa da comunidade universitaria, demostrar a unidade e cohesión do equipo e presentar en todos os centros un programa electoral que inclúe máis de 400 compromisos concretos. Ademais, sinala que unha parte relevante do estudantado percibe a súa candidatura como a que mellor defende os seus intereses.

No balance da campaña, Flores puxo tamén o acento no peso específico que Lugo tivo na súa proposta, subliñando que foi a candidatura que máis presenza mantivo no Campus lucense, a que incorporou un maior número de medidas específicas para esta sede universitaria e a que lle outorgou maior protagonismo durante o proceso electoral.

A candidata cualificou a súa como unha campaña en positivo, aínda que recoñeceu que nalgúns momentos tiveron que responder a unha estratexia coordinada de difusión de bulos e ataques anónimos, que os obrigou a desmentir informacións falsas. Con todo, amosouse especialmente orgullosa de non ter sacrificado, por un puñado de votos, os principios democráticos e de respecto que, ao seu xuízo, deben sustentar o funcionamento da USC.

De cara á xornada electoral deste xoves, Maite Flores expresou o seu convencemento de que a comunidade universitaria aposta porque a súa candidatura acceda á segunda volta do proceso.

⚙ Configurar cookies
0.31133103370667