Manuel César presenta os orzamentos municipais para o 2025 como os da "eficiencia social"

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025. O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César Vila, presentou esta mañá en rolda de prensa o proxecto de orzamentos para o ano 2025, aprobado onte na Xunta de Goberno. O orzamento ascende a máis de 146 millóns de euros, complementado cun crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros. Estas contas, centradas na vivenda e nos colectivos vulnerables a través de "políticas de carácter social en beneficio da veciñanza", non prevén ningún incremento nos impostos nin na débeda do Concello.
Un orzamento centrado na eficiencia social
Manuel César destacou que este proxecto é "fruto dun traballo intenso nun contexto de dificultade económica, onde a inflación de custos, salarios e materiais, así como os compoñentes enerxéticos, fixeron que o reto fose moito maior". Subliñou que os orzamentos para 2025 son “os da eficiencia social”, con énfase nas "políticas sociais en beneficio da veciñanza". Ademais, reafirmou que non haberá subidas de impostos, xa que o obxectivo principal do Goberno Municipal é "mellorar as condicións de vida da veciñanza, reforzando os servizos municipais, sen necesidade de grandes proxectos".
En todo caso, agradeceu ao grupo socialista o seu apoio e "altura de miras" para aprobar os orzamentos de 2025, poñendo en primeiro lugar os intereses e necesidades da cidadanía.
Políticas de vivenda e colectivos vulnerables
En relación ás prioridades do orzamento, Manuel César destacou as políticas de vivenda, ás que se destinarán máis de 4,2 millóns de euros, centrados na adquisición e rehabilitación de vivendas para destinarlas a alugueiros sociais. A este respecto, lembrou que mañá se celebrará no Pazo de Raxoi unha mesa sectorial de vivenda, na que participarán uns 20 colectivos e se abordará a declaración de Santiago como mercado tensionado.
Ademais, destacou o compromiso do Concello cos colectivos máis vulnerables, cunha partida de 900.000 euros para conciliación e bolsas de comedor, así como máis de 6,3 millóns de euros para o servizo de axuda no fogar. Tamén se destinan máis de 8,5 millóns de euros ao servizo de transporte urbano, o que permitirá manter os prezos e descontos nos billetes para todos os usuarios.
Inversións e obras importantes
Manuel César explicou que se asignarán 12,4 millóns de euros a investimentos, cifra que se complementará con 1,5 millóns de euros do crédito extraordinario. De eses máis de 12 millóns, case 1,5 millóns de euros irán destinados á construción dunha cociña centralizada. A isto súmanse "un importante número de proxectos que serán adxudicados nas próximas semanas, que suman máis de 8 millóns de euros" e que provén do orzamento do 2024. Entre os proxectos destacan as reformas no pavillón de Santa Isabel, melloras na rúa Puente de la Reina e o cruzamento de Xeneral Pardiñas, rehabilitación do Pazo de Raxoi, o proxecto Barrio Verde en Pontepedriña e a mellora da accesibilidade en 14 puntos da cidade.
Gastos sociais e servizos públicos
En canto ás partidas de gasto, 56 millóns de euros irán destinados a servizos sociais, con 27 millóns de carácter xeral e outros 27 millóns para bens públicos. Ademais, o gasto corrente ascende a 130 millóns de euros, o que representa a maior parte do orzamento. Estes fondos inclúen servizos públicos como as bolsas de comedor, servizo de axuda no fogar, funcionamento de centros socioculturais, vixilancia pola Policía Local, coidado de parques e instalacións deportivas, ou recollida de residuos.
Neste sentido, Manuel César destacou que se destinan 1,3 millóns de euros á reforma do estadio Verónica Boquete, o que se complementará co crédito extraordinario, alcanzando un total de máis de 1,4 millóns de euros, co que tamén se financiarán outras actuacións como a substitución de tubaxes na ETAP do Tambre ou a restauración do Ecobosque no Banquete de Conxo.
Ingresos e fiscalidade
En canto aos ingresos, Manuel César subliñou que “non se subiu ningún tipo de gravame, imposto ou taxa municipal”, pero si se obterá unha maior recadación a través de inspección fiscal, revisión de padroados e o cruce de bases de datos con outras administracións públicas, o que permitirá aflorar novos contribuíntes. Estas medidas mellorarán a eficiencia na xestión dos tributos municipais.
O concelleiro tamén avanzou a aprobación "nos próximos meses" da ordenanza fiscal para a recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que incrementará o custo do servizo de recollida de lixo debido ao canon de Sogama. O gasto deste servizo aumentará de 2,25 millóns de euros en 2024 a case 4 millóns en 2025. Ademais, tamén se prevé a creación dunha segunda ordenanza que regulará o imposto de estadías turísticas, coñecida como 'taxa turística', que xerará ingresos superiores aos 2,6 millóns de euros.
Manuel César tamén defendeu a “eficiencia na xestión e cumprimento das regras fiscais” ao destacar que a operación de préstamo solicitada aos bancos será do mesmo importe que o préstamo que se amortizará en 2025, sen aumentar a débeda do Concello.