María José Gómez visita a oficina rural de Friol para poñer en valor a transmisión de explotacións

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor o papel das oficinas rurais no asesoramento para favorecer a transmisión de explotacións a través do Banco posto en marcha pola Xunta a semana pasada. Nunha visita á oficina rural de Friol, na que estivo acompañada polo alcalde da localidade, José Ángel Santos, a conselleira salientou que calquera persoa interesada no devandito Banco poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento.
Nesta liña, Gómez lembrou que Galicia conta actualmente con ata 69 oficinas rurais, das cales 19 están situadas na provincia de Lugo. Todas elas, remarcou, constitúen “o punto de encontro da Consellería coa veciñanza no territorio” e están abertas aos agricultores, gandeiros e silvicultores para atender as súas necesidades e demandas. Neste caso concreto, o persoal das oficinas prestará apoio e tutelará os procesos de transmisión de explotacións por medio do Banco, unha tarefa para a que vén recibindo formación específica.
Segundo a conselleira, esta ferramenta, creada ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria, pretende favorecer a sustentabilidade do sector primario e súmase a outras iniciativas do Goberno galego, entre as que salientan diferentes liñas de axudas. Achegas, explicou Gómez, como as destinadas ás persoas que ceden as súas explotacións e que poderán complementar a súa renda cunha axuda que, de media, superará os 15.000 euros. A Xunta destinará a esta finalidade 2,1 millóns de euros no período 2025-2029.
Ademais destas subvencións, a titular de Medio Rural subliñou que existen tamén axudas para as persoas cesionarias (as que asumirán a xestión das explotacións cedidas polos seus titulares). Son apoios á incorporación de persoas mozas ou novos activos (de 41 a 55 anos) á actividade agraria ou, tamén, axudas a investimentos en explotacións agrarias. En relación con estas últimas, a conselleira trasladou que precisamente se está avanzando na nova convocatoria de axudas á incorporación de mozos, que contemplará os plans de mellora vinculados. Así, darase prioridade ás persoas mozas que soliciten incorporación ou que, tendo axuda xa aprobada, non dispoñan polo de agora de plan de mellora, para que así poidan levar adiante o seu proxecto.
Por outra banda, María José Gómez destacou tamén o compromiso da Xunta coa mobilización de terras agrarias, facendo especial fincapé no decidido impulso ás parcelarias, así como tamén ás diferentes ferramentas recollidas na Lei de recuperación da terra agraria. Neste sentido, puxo de relevo a figura das permutas de especial interese agrario, un instrumento moi áxil e acaído para mobilizar terras e no que o Concello de Friol foi pioneiro, sendo quen de mobilizar xa por esta vía arredor de 400 hectáreas no seu termo municipal.
Investimentos nas oficinas rurais
Na visita, a conselleira puxo tamén en valor os esforzos do seu departamento para a reforma, adaptación e mellora da rede de oficinas rurais, como entes claves na dinamización do agro. Así, lembrou que só na provincia de Lugo os investimentos da Consellería para esta finalidade achéganse aos dous millóns de euros nos últimos catro anos. No caso concreto da oficina de Friol, o investimento supera os 32.000 euros nese mesmo período.
Con estes fondos acometéronse obras de reforma e acondicionamento dos locais das oficinas rurais, para a redistribución de espazos, illamento térmico, renovación da carpintería interior e exterior, obras e aparatos de climatización, pintado, cambios de iluminación, sinalización e mobiliario.