Marta Rouco urxe unha solución ante a retirada de pediatras do centro de saúde de Vilalba

A situación afecta directamente ao Servizo de Atención Temperá da vila, chegando algunhas familias a acudir a pediatras privados para ser derivados a este servizo
centro-saude-vilalba
19 Feb 2025

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, vén de denunciar unha nova situación de falta de pediatras no centro de saúde da vila dende hai 2 semanas, polo que reclama unha solución urxente á Xunta de Galicia.

A rexedora vilalbesa asegura que se trata “dun problema moi grave, que afecta ás nosas familias e á saúde dos nosos veciños e veciñas”, ao tempo que engade que “non é unha situación puntual, fai cuestión dun mes estabamos nas mesmas circunstancias, coas dúas pediatras en situación de baixa laboral e sen substitutos para ningunha das dúas prazas”.

“A Xunta de Galicia está abandonando un servizo básico, a saúde, un dereito de todos os cidadáns”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, ao tempo que engadiu que “as solucións que se dan son parches, entre elas que os profesionais de atención primaria de adultos atendan as urxencias pediátricas, acudir a centros de saúde doutras localidades ou realizar polas tardes os controis de idade, de forma puntual e sen ningún tipo de continuidade”.

Ademais, “hai casos de nenos e nenas que precisan dun seguimento por parte de especialistas pero que levan meses sen cita porque no centro de saúde non hai pediatras para poder derivalos á consulta que corresponda”, sinalou Marta Rouco.

Nesta situación atópanse tamén as familias con nenos e nenas con necesidades específicas que acoden ao Servizo de Atención Temperá de Vilalba e “teñen dificultades para que os seus fillos e fillas sexan derivados dende o servizo de pediatría a consultas como as de neuropediatría ou rehabilitación, entre outras” apuntou a rexedora vilalbesa.

“E non só iso, esta situación afecta á detección de posibles signos de alarma nas revisións periódicas ás que acoden as familias, o que dificulta as derivacións ao Servizo de Atención Temperá”, engadiu Rouco. “Coñecemos casos de familias que detectan estes signos de alarma e están recorrendo a pediatras privados para ser derivados a este servizo”, apuntou a rexedora de Vilalba.

Así mesmo, a falta de pediatras no centro de saúde tamén está afectando á coordinación dos casos que se están tratando dende o Servizo de Atención Temperá de Vilalba, pois acumula meses sen seguimento por parte dos profesionais sanitarios.

“Estaba programada unha reunión de seguimento da situación dos usuarios e usuarias en setembro que se atrasou ata decembro e que a día de hoxe segue sen producirse, e isto inflúe no seguimento e na evolución dos menores que acoden ao servizo”, concluíu a alcaldesa de Vilalba.

0.090283870697021