Medio Rural subministrará doses de seme bovino a explotacións de control leiteiro

A campaña desenvólvese ao longo deste mes e en parte de febreiro
vacas-leite
20 Jan 2025

A Consellería do Medio Rural, a través de Xenética Fontao, subministrará unhas 200.000 doses de seme bovino a un total de 2.234 explotacións gandeiras que se atopan incluídas no programa de control leiteiro oficial de Galicia ao longo deste mes e parte de febreiro. Deste xeito, achegarase en torno ao 50% do material de reprodución que precisan estas explotacións a prezos sostibles.

A campaña, que tamén conta coa colaboración dos Africores, poranse a disposición das explotacións doses de seme convencional e sexado para atender a reprodución dunhas 192.000 reprodutoras bovinas coa maior calidade e o mellor prezo posible. Neste sentido, aplicarase un desconto de entre o 40 e o 50% sobre prezo final de venda ao público do seme convencional e facilitaranse 80.000 doses de seme convencional sen custo.

Este ano, a campaña conta co maior número de touros con respecto a ocasións anteriores, sendo 26 para seme convencional e 22 para sexado. Ademais, reúnese aos mellores exemplares do panorama nacional en canto aos trazos máis importantes empregados actualmente na selección xenética da raza frisona, a nivel produtivo, morfolóxico e funcional ou de saúde.

Os criadores das explotacións disporán dos mellores touros para elixir segundo as súas necesidades ou prioridades en canto aos trazos de selección a mellorar dentro do seu gando. A maiores, cómpre salientar a oferta de portadores de xenes especiais que se inclúen dentro desta campaña, xa que están moi demandados polo sector na actualidade.

0.12938499450684