Mondoñedo musical

Por Julia M.ª Dopico Vale y Piñeiro.
Mondoñedo, este “monte entre ríos” presidido polo Masma, lugar de paso do Camiño de Santiago e de repouso para os peregrinos, está cheo de tesouros arquitectónicos como a Catedral, a Igrexa de Santiago, o Santuario dos Remedios ou a Fonte Vella, e tamén de xoias naturais coma a mítica “Cova do Rei Cintolo”, a máis extensa de Galicia. É, ademais, berce de figuras ilustres das letras como Cunqueiro, Noriega Varela ou Leiras Pulpeiro, e da música, como o creador dos inmortais compases da Alborada e do Himno de Galicia, Pascual Veiga, persoa fundamental do Rexurdimento.

Este antigo “Mindunietum” converteuse estes días en sede da música coa destacada actuación da Real Filharmonía de Galicia e do Coro da Comunidade de Madrid dentro da programación do Festival Bal y Gay, cita de referencia coa mellor música na Mariña Lucense. A música estivo tamén presente nas celebracións relixiosas da Virxe da Asunción, coa participación na Misa de Vésperas da Coral Polifónica Ferrolá “A Magdalena” xunto ao organista da Catedral, Carlos J. Fernández Bollo, que interpretaron un repertorio moi axeitado para a ocasión, incluíndo, entre outras pezas, obras de Gounod, cun “empaste” especialmente logrado, é dicir, un equilibrio perfecto no que ningunha voz sobresae sobre as demais.
Xa no propio día da Asunción cómpre salientar a intervención doutro coro, o “Capella Sine Vinculis”, procedente do Reino Unido e afincado desde 2017 nos Países Baixos, baixo a dirección da mestra Bea Vanderkaaij. Cunha brillante actuación puxeron o broche de ouro ás xornadas musicais nas fermosísimas terras mindonienses.
A música continuará na Mariña coa programación do Festival Bal y Gay e a presenza do Cuarteto Casals, desta vez en Burela, onde a súa impoñente frota mariñeira servirá de marco a unha viaxe simbólica guiada polos compases desta prestixiosa agrupación de cámara de recoñecemento internacional.