Monforte acollerá esta fin de semana o Encontro Nacional de Emprendedores Creativos

A iniciativa busca fortalecer o emprendemento cultural como motor de transformación social e económica no medio rural
presentacion-encontro-nacional-emprendedores-creativos-monforte
Presentación do Encontro Nacional de Emprendedores Creativos en Monforte de Lemos
24 Jun 2025

A tenente de alcalde, Gloria Prada, acompañada pola presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, presentaron este martes, 24 de xuño, o Encontro Nacional de Emprendedores Creativos, unha iniciativa promovida pola Asociación España Creativa e a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España (RECITCREA), no marco do proxecto Camiño Creativo de Santiago 2025.

Tal e como explicou a tenente de alcalde, “un dos principais obxectivos desta rede de cidades e territorios creativos é impulsar a creatividade e a innovación, desenvolvendo plans estratéxicos de recomendacións para a transformación das cidades e territorios de España en cidades e territorios creativos e innovadores. A finalidade é contribuír a mellorar a xestión da diversidade cultural de España e a súa cohesión social, potenciando a innovación como modelo de desenvolvemento, así como o turismo cultural e creativo”.

“Sendo conscientes de que este encontro é importante para Monforte de Lemos e para a Ribeira Sacra —continuou Gloria Prada— dende o primeiro momento, o alcalde de Monforte, D. José Tomé Roca, decidiu contribuír de forma especial coa Asociación, destinando unha partida de 5.000 euros para o desenvolvemento desta iniciativa, conscientes de que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra, lugares onde se conxugan patrimonio, cultura, paisaxe, auga e gastronomía, son escenarios únicos e idóneos para levar a cabo este tipo de encontros”.

O encontro representa unha aposta decidida por fortalecer o emprendemento cultural e creativo como motor da transformación do territorio, especialmente en contextos rurais e con gran valor patrimonial e paisaxístico como a Ribeira Sacra, e a súa vocación é ser un espazo de reflexión e acción sobre o papel estratéxico da cultura, a creatividade e o emprendemento na rexeneración social, económica e medioambiental.

Durante catro días, institucións públicas, espazos de creación, empresas, emprendedores, creadores, redes culturais e cidadanía, reuniranse nun programa diverso que combinará foros de diálogo, mesas redondas, actividades formativas, visitas a recursos culturais, experiencias no territorio e unha gala final onde se entregarán os Premios España Creativa – Rede Eléctrica.

A Ribeira Sacra converterase así nun punto de encontro de talento, ideas e compromiso, reafirmando que a cultura non é só un espazo de evasión, senón unha ferramenta viva, xeradora de impacto, diferenciación, cohesión e visión de futuro.

O Encontro Nacional de Emprendedores Creativos terá como sedes principais os municipios de Monforte de Lemos e Sober. A inauguración oficial celebrarase o venres 27 de xuño ás 10 da mañá no Parador Nacional de Monforte de Lemos. Con todo, o xoves 26 xa se realizará un encontro previo de participantes do evento no Miradoiro e Santuario de Cadeiras, cun recital de poesía de Olga Novo e un catering de benvida.

Os días 27 e 28 de xuño, o Parador Nacional de Turismo de Monforte de Lemos acollerá os cinco foros profesionais que articularán o núcleo temático do encontro. Nestes espazos de diálogo abordaranse cuestións claves como a cooperación institucional, a financiación de proxectos culturais, a sustentabilidade nos modelos de negocio creativos, o turismo cultural innovador e o impulso ás industrias culturais no medio rural.

O domingo 29 estará dedicado a experiencias no territorio, cun percorrido pola riqueza paisaxística, patrimonial e enogastronómica da Ribeira Sacra. As actividades inclúen visitas a adegas tradicionais, unha ruta polo Románico da Ribeira Sacra e un paseo en catamarán que pechará o encontro conectando paisaxe, cultura e comunidade.

Gloria Prada quixo agradecer á presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, o seu traballo e implicación con este proxecto e agradecerlle que pensara en Monforte de Lemos e na Ribeira Sacra para o desenvolvemento deste Encontro Nacional.

⚙ Configurar cookies
0.21431398391724