Monforte acollerá o I Campionato de Europa IPPA de Pitch & Putt individual

Monforte de Lemos será a sede do I Campionato de Europa IPPA de Pitch & Putt individual, que se celebrará do 3 ao 5 de xullo de 2026 nas instalacións do Club de Golf Río Cabe en Ribas Altas. O evento reunirá arredor de 160 xogadores internacionais, ademais de técnicos, árbitros, delegacións oficiais e acompañantes.
O alcalde de Monforte, José Tomé, e o presidente do Club de Golf Río Cabe, José Ángel Pérez Reñones, presentaron o campionato este mércores nunha rolda de prensa na Sala de Xuntas do Concello. Tomé destacou que “é un pracer para o noso Concello acoller este evento internacional en Monforte, xa que, sen dúbida, virá acompañado dun importante impacto económico e turístico na nosa cidade e no conxunto da Ribeira Sacra, territorio do que somos capital”.
O evento coincide co Festival de Viño da Ribeira Sacra, algo que, segundo Tomé, “vai complementar a promoción de Monforte nos países de procedencia dos xogadores participantes”.
O alcalde tamén subliñou a experiencia da cidade na organización deste tipo de competicións. Recentemente, Monforte foi escenario do Campionato de España de Federacións Autonómicas de Pitch & Putt, en outubro de 2025, e do Campionato de España Masculino en maio de 2024. “Isto é posible porque o Club Río Cabe conta cunhas excelentes instalacións para albergar competicións desta índole”, explicou.
O campo de golf Río Cabe conta cun percorrido de 18 hoyos Par 3, cunha lonxitude aproximada de 1.200 metros, característico do Pitch & Putt, que permite xogar rondas máis rápidas e intensas que no golf tradicional.
O presidente do club, José Ángel Pérez Reñones, resaltou a relevancia internacional do campionato e a expectación xerada, afirmando que “é espectacular, o ambiente é incrible”. Tamén agradeceu o apoio do Concello, “unha colaboración fundamental para que se poida celebrar aquí”. A achega municipal ascende a 4.000 euros, aproximadamente un terzo do orzamento total do evento.
Monforte destaca, ademais do campo, pola súa riqueza histórica e cultural, con lugares como o Conxunto Histórico de San Vicente, a Ponte Medieval, o Convento da Nosa Señora da Antiga, o Museo das Clarisas ou o Pazo de Tor, e pola súa oferta gastronómica. “Todo isto, xunto coas boas conexións por estrada e a ampla oferta hoteleira, non fai máis que consolidar a Monforte como un destino idóneo para acoller eventos de alto nivel, con estancia e turismo asociado”, engadiu o rexedor.
Finalmente, José Tomé agradeceu ao Club de Golf Río Cabe “as xestións feitas diante da Federación, co apoio do Concello, para que Monforte albergue esta competición internacional” e desexou “moita sorte aos participantes da nosa cidade e do resto da comarca”.