Monforte converterase no epicentro do fútbol base do noroeste peninsular coa II Calasancio Cup

O torneo, organizado polo CP Calasancio coa colaboración do Concello de Monforte, celebrarase en dúas xornadas os días 27 de decembro e 3 de xaneiro
calsancio-cup-monforte
16 Dec 2025

Monforte de Lemos acollerá este ano a segunda edición da Calasancio Cup, un torneo de fútbol infantil sub-14 que reunirá equipos destacados de Galicia, Asturias, Castilla y León e Portugal. Organizado polo CP Calasancio coa colaboración do Concello de Monforte, o torneo disputarase en dúas xornadas, os días 27 de decembro e 3 de xaneiro, nos campos Álex Blanco, Luis Bodegas e A Pinguela.

O Concello de Monforte xa apoiou a primeira edición, unha colaboración que, segundo destaca a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, “tradúcese na cesión de espazos deportivos e trofeos, é reflexo do compromiso do alcalde e deste Equipo de Goberno coa promoción do deporte base monfortino e, neste caso, co fútbol formativo e cos nosos mozos deportistas”. Prada destacou que a Calasancio Cup sitúa a Monforte “nun lugar destacado dentro do fútbol base” e supón “unha oportunidade a nivel de visibilidade, proxección e dinamización da actividade económica da cidade”.

O torneo arrancará o 27 de decembro cunha fase previa no campo Álex Blanco, na que participarán 12 equipos e arredor de 250 deportistas. Os equipos desta fase previa son CP Calasancio B, ED Calasancio, ED Val Miñor B, CD Calasanz B, CA Arteixo, Pabellón Promesas, ADC Sagrado Corazón, Rayo 21 CF, Ural CF B, EF Lalín, EDC Barbadás e AD Piringalla. Só un destes equipos logrará clasificarse para a fase final.

O presidente do CP Calasancio, Juan Carlos Díaz, destaca que “a fase previa asegurará intensidade, igualdade e emoción desde o primeiro partido” e que o gañador terá a oportunidade de “medirse con algunhas das mellores canteiras de Galicia, Asturias, Castilla y León e Norte de Portugal, un auténtico desafío para clubs e deportistas en pleno crecemento deportivo”.

Pola súa banda, a final reunirá as mellores canteiras galegas xunto con invitados de Portugal, Asturias e Castilla y León, conformando un cartel único que sitúa o torneo entre os máis prestixiosos do fútbol base sub-14. Esta disputarase o 3 de xaneiro e contará cun total de 20 equipos, entre eles clubes recoñecidos como CP Calasancio, RC Deportivo da Coruña, RC Celta de Vigo, SC Braga, Vitória Guimarães SC, Famalicão FC, Real Oviedo, CD Lugo, SD Ponferradina, Racing de Ferrol, Pontevedra CF, CD Covadonga, CD Calasanz, ED Val Miñor, Conxo Santiago, Ural CF, Pabellón Ourense CF, San Tirso SD e AJ Lérez, este último campión da primeira edición.

Espera que o torneo reúna en Monforte arredor de 500 deportistas e técnicos, e tendo en conta os familiares que acompañan aos xogadores, “falamos de máis de mil persoas en Monforte”, subliñou Díaz.

⚙ Configurar cookies
0.23833703994751