Nace a Escola de Pastores de Galicia para apoiar a gandaría extensiva e o relevo xeracional

O Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia foi o escenario da presentación da Escola de Pastores de Galicia, un novo proxecto formativo que nace co obxectivo de fortalecer a gandaría extensiva e favorecer o relevo xeracional no medio rural. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación de Ourense a través do Inorde e está promovida pola Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
Na presentación participaron representantes das entidades implicadas, entre eles a presidenta de OVICA, María Jesús Crespo, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e un representante da Fundación “la Caixa”, entidade que apoia o proxecto a través do seu programa de Acción Social no Ámbito Rural.
A Escola de Pastores propón un modelo de formación especializada dirixido principalmente aos sectores ovino e caprino, co fin de mellorar a cualificación profesional das persoas participantes, poñer en valor as producións locais e contribuír á dinamización económica e social do territorio. Os alumnos poderán realizar prácticas, grazas á colaboración dos gandeiros de Ovica, en granxas dos concellos ourensáns da Gudiña, A Mezquita, Baltar, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Os Blancos, Riós, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
Durante o acto, a Deputación destacou o papel da gandaría extensiva como ferramenta clave para a xestión sostible do territorio, a prevención de incendios forestais e a fixación de poboación no rural.
O proxecto aspira a implicar a numerosos concellos do sur da provincia de Ourense, así como administracións públicas, entidades do ámbito rural, asociacións agrarias e colectivos sociais, coa finalidade de construír unha iniciativa compartida que garanta a continuidade e o futuro da profesión de pastor en Galicia.
A Escola de Pastores de Galicia conta ademais coa colaboración de diferentes administracións e entidades, co propósito de consolidarse como unha ferramenta clave para asentar poboación, reactivar a economía local e asegurar a viabilidade da gandaría extensiva no territorio galego.