Nace nas Pontes a Asociación de Concellos da Comarca do Eume

A principal finalidade desta nova entidade é coordinar e aproveitar conxuntamente o potencial turístico dos cinco concellos
presentacion-asociacion-concellos-do-eume
2 Jul 2025

Presentouse no Concello das Pontes a nova Asociación de Concellos para a xestión da Comarca do Eume, unha entidade que agrupa aos cinco municipios que integran esta comarca: As Pontes, Pontedeume, Monfero, Cabanas e A Capela.

Durante a presentación desta nova entidade, o alcalde das Pontes, González Formoso subliñou que esta colaboración “non busca só dinamizar o turismo, senón crear accións conxuntas para unha xestión máis eficiente dos recursos, optimizar custos e deseñar proxectos que sexan xeradores de emprego e riqueza para o conxunto da comarca”.

Pola súa banda, os alcaldes dos concellos integrados nesta nova asociación destacaron a importancia de traballar unidos para acceder a fondos europeos, estatais e autonómicos, deixando a un lado calquera diferenza política.

Tal e como sinalou o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, “nós traballamos para os veciños e veciñas dos nosos concellos, e a través desta asociación farémolo para tódolos habitantes da comarca do Eume. Aquí non caben diferenzas políticas; o que importa é o benestar e os intereses da nosa xente”.

Fernando Couce, alcalde de Cabanas e presidente da Asociación, apuntou que este proxecto “nace coa vontade dos cinco concellos de agruparnos, xuntar recursos e, en definitiva, facer forza arredor dun recurso turístico único, que sen dúbida, grazas a esta unión, poderemos xestionar de forma moito máis eficiente”.

A principal finalidade desta nova entidade é coordinar e aproveitar conxuntamente o potencial turístico dos cinco concellos, tendo como eixo vertebrador o Parque Natural das Fragas do Eume e baixo unha marca común poñer en valor a riqueza e diversidade cultural, arquitectónica, natural e gastronómica da comarca, ofrecendo propostas integradas e de maior impacto.

⚙ Configurar cookies
0.26368188858032