Nadiia Zholtikova, do Club de Loita Pontevedra, loitará por unha praza para o Europeo U17 no torneo internacional de Bucarest

A campioa de España U17 en 49kg competirá nesta ocasión en -53kg, nun torneo internacional con 300 atletas de 20 países. A loitadora do CGTD de Pontevedra aspira a clasificarse para o Europeo U17 de Skopje.
Nadiia Zholtikova
9 May 2025

A loitadora Nadiia Zholtikova, actual campioa de España U17 en 49kg, participará esta fin de semana no torneo internacional U17 de Bucarest, unha das probas clasificatorias para o Campionato de Europa U17 que se celebrará en xuño en Skopje (Macedonia do Norte).

A deportista, becada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, competirá nesta ocasión na categoría de -53kg, xa que o seu desenvolvemento físico non permite baixar tantas veces ao ano aos 49kg. Así o decidiron os técnicos do CGTD, que priorizan a saúde e a evolución deportiva da atleta sobre a obrigatoriedade de competir nun peso específico.

A pesar de quedar fóra da convocatoria oficial da Selección Española —que nesta ocasión só inscribiu a 4 loitadoras entre as 10 categorías posibles—, o Club de Loita Pontevedra e a Federación Galega de Loita e D.A. decidiron financiar a súa participación para que Nadiia teña a posibilidade de optar a un posto na selección que representará a España no Europeo.

O torneo disputarase no Polyvalent Hall de Bucarest, un recinto que acolleu grandes eventos internacionais, e contará coa participación de 300 atletas de 20 países.

As representantes españolas nesta cita internacional serán:

49kg – Sheila Mondragó (Andalucía)

53kg – Nadiia Zholtikova (Galicia)

57kg – Irama Serenelli (Navarra)

69kg – Paula Benaixa (Andalucía)

69kg – Abril García (Catalunya)

73kg – Ainara Lucía Sánchez (Euskadi)

Dende a Federación Galega deséxaselle a Nadiia “a mellor das sortes” nesta importante cita internacional.

⚙ Configurar cookies
0.12019991874695