“Noites na Cidade Vella”

A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
21 Sep 2025

Por Julia M.ª Dopico Vale y Piñeiro.

Desde o 4 de setembro e ata o 18 de outubro celébrase o IV Ciclo de Concertos “Noites na Cidade Vella”, organizado pola Fundación Rogelio Groba en colaboración co Concello e a Deputación da Coruña. A Fundación, presidida por Rogelio Groba Otero, ten como obxectivo catalogar, protexer e difundir a obra de Rogelio Groba Groba, o compositor de Ponteareas cuxa traxectoria musical desde a cidade herculina, onde se instalou tras os seus estudos en Suíza, vai máis alá do creativo, pois deseñou pautas polas que transcorreu a evolución musical galega, aínda que el mesmo recoñecía que “o faría doutra maneira”.

Rogelio Groba Groba deixou escrito un amplísimo repertorio que fai que sexa considerado o compositor máis prolífico do país. Nesta edición, o ciclo conta coa participación de intérpretes galegos e internacionais de gran prestixio, que ofrecen concertos de alto nivel, como o celebrado no Palacio de Capitanía co Dúo Mandala, ou o deste sábado na Igrexa de Santa Lucía, no que a Orquestra de Cámara Galega interpretou, entre outras, dúas obras do mestre en estrea absoluta: Catro poesías barrocas e In illo tempore, composición de 2006 escrita “in modo antico”, é dicir, empregando modelos de corte clásico aos que dota de elementos contemporáneos e inspirándose aquí en danzas cortesás de temperamento alegre que evocan tempos xuvenís.

A música de “Noites na Cidade Vella” continuará con outros concertos en espazos emblemáticos da cidade, reafirmando un patrimonio arquitectónico de excelencia, e concluirá o 26 de setembro na Igrexa dos Dominicos —onde se estreou hai dous anos a miña propia suite O último adeus—, desta vez co Cuarteto Casals interpretando a Schubert e a Shostakóvich, cuxa profundidade musical é como a dos nosos mares, rompendo as súas ondas, con dozura ou bravura, na branca escuma que se deita sobre a praia do Orzán.

⚙ Configurar cookies
0.26503396034241