O «Abraioscopio» arrinca en Pontevedra con maxia solidaria para as persoas maiores

A cidade do Lérez xa sente a ilusión de Abraioscopio, o novo ciclo de maxia que colle a remuda de Pontevedra Máxica. O programa arrancou este xoves coa súa faceta máis social: varios magos levaron espectáculo e emoción ás persoas maiores da residencia pública e do centro Amencer, achegando a maxia a quen ten máis dificultades para acceder a este tipo de eventos.
Este venres a programación continúa cun dobre enfoque. Pola mañá, haberá novas actuacións no hospital e no centro de día Amencer. Pola tarde, os locais de hostalaría participantes na ruta gastromáxica acollerán espectáculos de maxia de preto, con artistas de prestixio, desde as 17.00 horas ata a noite. A gran sorpresa será o espectáculo clandestino, ao que só poderán acceder 35 persoas que deberán descifrar pistas para descubrir o lugar, nunha experiencia ao estilo dunha escape room.
O sábado, a biblioteca pública converterase no escenario de dous obradoiros infantís que culminarán cun espectáculo de ilusionismo e narración. O domingo, o mercado acollerá un taller inspirado no universo de Harry Potter e unha función familiar a cargo de Lolamento.
En total, Abraioscopio, dirixido polo mago pontevedrés Iago Barral co apoio do Concello de Pontevedra, ofrecerá máis de trinta actividades, a maioría gratuítas. O acto central será a gran gala do sábado 13 de setembro no Pazo da Cultura, ás 19.30 horas, con entradas por menos de 15 euros. No cartel figuran Alex Louzao, Mago Noel, Mario López, Celia Muñoz (gañadora de Got Talent España), Xulio Merino e Ton Risco.