O alcalde anima ás nenas e nenos saharauís a gozar das vacacións de verán en Vigo

Abel Caballero deu a benvida en Vigo a cen nenas e nenos saharauís acollidos no marco do programa “Vacacións en Paz”, consolidando a cidade como a máis solidaria de España con 100 acollementos de 300 en Galicia.
Shahara Santiago
13 Jul 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, deron este xoves a benvida aos cen menores saharauís que pasarán o verán na cidade dentro do programa “Vacacións en Paz”. A iniciativa solidaria, organizada por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, conta cunha achega municipal de 70.000 euros.

Vigo consolídase como o municipio máis solidario de España nesta iniciativa, acollendo un terzo dos nenos e nenas que gozarán das súas vacacións en Galicia. Segundo destacou Caballero, “de 300 nenas e nenos que veñen a Galicia, 100 están aquí, en Vigo”, valorando o compromiso da cidade co pobo saharauí.

O alcalde animou ás nenas e nenos a gozar das súas vacacións na cidade, participando nas diferentes actividades organizadas polo Concello, como os paseos pola ría. Tamén quixo agradecer e recoñecer o labor das familias acolledoras e da presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, pola súa implicación no benestar da infancia.

Maite Isla agradeceu a acollida institucional e destacou o apoio do Concello de Vigo ao programa, que permite a centos de menores vivir unha experiencia inesquecible durante o verán, afastados das duras condicións dos campamentos de refuxiados.

⚙ Configurar cookies
0.2628128528595