O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, é o novo presidente do Eixo Atlántico

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico escolleu ao alcalde da cidade, Miguel Fernández, como novo presidente da entidade para os dous próximos anos. O rexedor lucense substitúe no cargo a Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo, quen pasa agora a exercer como vicepresidente. Fernández cualificou o nomeamento como “unha honra e un privilexio para a cidade de Lugo”.
Durante a súa intervención tras ser elixido, Fernández subliñou o “orgullo que supón para Lugo representar a tantos municipios e territorios, aos que nos unen lingua, cultura, patrimonio, ideosincrasia e retos comúns de futuro”. O novo presidente destacou tamén o traballo conxunto dos concellos galegos e portugueses para impulsar proxectos de posta en valor do patrimonio cultural, así como iniciativas estratéxicas nos ámbitos das infraestruturas, a economía e o emprendemento, co obxectivo de avanzar cara a un futuro compartido.
Ademais da elección do novo presidente, a Comisión Executiva aprobou o orzamento do Eixo Atlántico para 2026, cifrado en 5,1 millóns de euros, que deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral na súa próxima reunión, prevista para febreiro na cidade da Coruña. O encontro celebrouse en Lugo como homenaxe á Muralla no seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade, lembrando o apoio que o Eixo Atlántico brindou á candidatura lucense e a colaboración de cidades como Santiago de Compostela, Porto e Guimarães.
Os membros da Comisión tamén deron luz verde ao informe de xestión e á programación para o ano 2026, que inclúe a creación dun Consello Estratéxico composto por persoas que tiveron un papel relevante no Eixo Atlántico e que, xa afastadas da actividade política, achegarán unha visión consensuada e estratéxica sobre as futuras liñas de actuación da entidade.
Finalmente, acordouse que a XV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico se inaugurará en Viana do Castelo o 27 de novembro e en Ribeira, en maio de 2026. Pola súa parte, a Mostra Musical terá lugar en Vilalba do 23 ao 24 de maio. Á reunión asistiron, ademais dos alcaldes de Lugo e Viana do Castelo, representantes de O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Pontevedra, así como de Guimarães, Amarante, Mirandela, Bragança e Santa María da Feira.