O Arde Lucus e a Festa da Istoria abren as xornadas da RAG sobre festas históricas

A Real Academia Galega inaugurou no Museo Provincial de Lugo as xornadas A invención da tradición, cunha primeira mesa redonda centrada en dúas das festas de recreación histórica máis emblemáticas do país: o Arde Lucus de Lugo e a Festa da Istoria de Ribadavia.
Baixo o título que popularizaron os historiadores Eric Hobsbawn e Terence Ranger no seu clásico de 1983, a Sección de Historia da RAG afonda nos mecanismos sociais, culturais e identitarios que explican a consolidación destas celebracións contemporáneas arredor de episodios históricos.
Na sesión inaugural, os historiadores José Carlos Sánchez Pardo e Anselmo López Carreira abordaron as particularidades e significados de cada festa.
Sánchez Pardo, centrado no caso do Arde Lucus, destacou que esta celebración, nacida no ano 2002, “converteuse nun símbolo de identidade, pertenza e orgullo para os lucenses”, máis alá dunha simple recreación do pasado romano da cidade. Subliñou tamén que, malia ser unha festa nova, acadou unha “pegada social excepcional” e unha forte implicación cidadá que a distingue doutras festas similares.
Pola súa banda, López Carreira analizou a Festa da Istoria de Ribadavia desde a súa perspectiva medievalista, nunha reflexión que puxo en valor como estas expresións festivas transforman a historia en ferramenta viva para o presente colectivo.
As xornadas contan co apoio da Deputación de Lugo, a Rede Museística Provincial, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, e terán continuidade o 11 de xuño en Vigo con novas achegas arredor da Reconquista e a Romaría Vikinga de Catoira. Para o coordinador da iniciativa, o académico Ramón Villares, esta proposta busca achegar a historia á rúa: “A historia tamén pode ser transformada popularmente, sen deixar de ser rigorosa”, sinalou.