O BNG acusa ao PP de inacción contra a violencia machista e pide analizar os fallos do sistema Viogén

A portavoz de Igualdade do BNG, Noa Presas, reclamou no Parlamento galego que a Xunta reforce as políticas contra a violencia machista cun maior compromiso, transparencia e eficacia. “O machismo non se combate co conformismo”, advertiu, logo de lembrar que no que vai de ano foron asasinadas catro mulleres en Galiza.
Presas pediu unha avaliación da repunta de feminicidios no primeiro semestre e un estudo dos fallos do sistema Viogén nos casos nos que existían denuncias previas. Lembrou os nomes das catro vítimas mortais —Josefa, Maritza, Marisol e Teresa de Jesús— e subliñou que “non son números, son vidas atravesadas pola violencia machista”.
A deputada nacionalista acusou á Xunta de non desenvolver aspectos vitais da lei aprobada hai 18 anos, de sobrecargar aos concellos, de privatizar recursos e mesmo de eliminar a materia de igualdade nas aulas, mentres promove “control ideolóxico para tapar o feminismo”. Criticou ademais que o Goberno galego amparase un acusado de agresión sexual vinculado ao PP e non aclarase a filtración de datos dunha vítima.
Tamén se referiu ao informe do Consello de Contas, que cualificou de “demoledor” ao evidenciar recortes en persoal, falta de medición das políticas públicas e un investimento en sensibilización reducido ao 3 % das accións da Xunta.
O BNG, a través dunha moción rexeitada polo PP, formulou medidas como a avaliación dos feminicidios recentes, a publicación de datos reais dos centros de crise 24 horas, a creación dunha axuda específica para vítimas de violencia sexual a partir de 2026 e a garantía de investigación de oficio ante filtracións de identidade.
Segundo datos do Ministerio, en Galiza hai 6.231 casos activos no sistema Viogén, unha cifra equivalente á poboación de concellos como Outes ou Carral, e máis de 41.000 se se suman os inactivos. Presas concluíu transmitindo solidariedade ás vítimas e ás súas familias e reafirmando o compromiso do BNG con “un mundo no que sexamos libres e vivas”.