O BNG advirte da situación de Alvedro ante a posible centralización do control aéreo dende Vigo

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para demandar a paralización da posta en marcha da torre de control remota do aeroporto de Vigo (Peinador), que, segundo o previsto, se activará o vindeiro 12 de xuño. O deputado do BNG, Néstor Rego, salientou o risco de que esta infraestrutura, pioneira no Estado, poida centralizar o control doutros aeroportos galegos, como o da Coruña (Alvedro), coas consecuentes implicacións para a seguridade e as condicións laborais do persoal.
Rego foi contundente ao afirmar que “A torre de control remota de Vigo é un experimento tecnolóxico que non se adapta ás características complexas do tráfico aéreo da zona nin garante os niveis actuais de seguridade”, e engadiu que “non se pode permitir que o afán de redución de custos de AENA degrade os servizos públicos aeroportuarios na Galiza”.
Preocupación por Alvedro e a seguridade
A formación nacionalista amosou especial preocupación pola posibilidade de que a instalación desta torre dixital en Vigo, nun soto xusto a carón da torre física, poida ser unha estratexia para absorber o control doutros aeroportos galegos, unha alerta xa emitida polo colectivo de controladores aéreos. A coincidencia de que tanto Vigo como A Coruña teñan o mesmo concesionario privado do servizo, Saerco, reforza as sospeitas do BNG de que esta operación busca reducir custos a través da concentración de persoal, o que implicaría un aumento da carga de traballo e un risco para a seguranza aérea.
Néstor Rego insistiu na inquedanza do BNG: “Queremos saber se AENA pretende que desde Vigo se controle tamén Alvedro. A resposta da Directora de Seguridade de AENA foi ambigua e deixa esa porta aberta. Isto sería inaceptábel”. Ademais, o deputado lembrou que “a tecnoloxía debe estar ao servizo dos profesionais, e non substituílos ou precarizalos. Non se pode eliminar a visión directa das e dos controladores, que é vital para a xestión segura do tráfico aéreo”.
O BNG sinalou as particularidades da operación aérea en Vigo, con gran diversidade de aeronaves e complexas condicións meteorolóxicas e orográficas. A torre remota, ademais, suporá unha redución significativa do campo visual de control, pasando de 360 a 66 graos, e xa se prevén restricións operativas en certas franxas horarias, limitando os voos simultáneos. Aínda que outros aeroportos europeos empregan esta tecnoloxía con éxito, o BNG subliña que son casos con tráfico máis reducido ou homoxéneo, non comparables coa realidade galega.
Iniciativa do BNG nas Cortes
A iniciativa do BNG nas Cortes demandará “paralizar a posta en marcha da torre de control remota en Vigo e abrir un proceso de diálogo co persoal técnico e sindicatos para avaliar a introdución do sistema de control remoto como un apoio, non substitución, das torres físicas”. Así mesmo, a formación nacionalista urxe a desbotar calquera plan de trasladar a Vigo o control do aeroporto da Coruña e garantir a continuidade do control físico en Alvedro.
Finalmente, o BNG reclama a garantía de condicións laborais dignas e estabilidade para o persoal aéreo, técnico e de mantemento, evitando recortes e precarización. Néstor Rego concluíu que “a modernización non pode servir de escusa para recortar dereitos e servizos. AENA debe priorizar a seguranza, o interese público e a calidade fronte aos lucros empresariais”.
O PP ESIXE A ACTUACIÓN DE INÉS REY
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Popular, Miguel Lorenzo, sumouse ás críticas e esixiu á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que actúe “ante este novo agravio que supón que os voos do noso aeroporto se controlen desde o de Vigo”. Lorenzo destacou que esta preocupación é compartida polo comité de empresa de Alvedro, o sindicato de controladores e expertos no aeroporto coruñés. “É vergoñento, como tamén é vergoñento o silencio da alcaldesa, que sendo do mesmo partido que goberna en Madrid non levanta a voz contra este intento de desmantelamento. É inadmisíbel que a alcaldesa quede calada”, sentenciou o portavoz popular.
O PP mostra a súa “preocupación porque o Goberno do Estado continúa facendo recortes en Alvedro e, con máis preocupación aínda, porque a alcaldesa non saia a defender o aeroporto”, sinala Lorenzo. O portavoz popular subliña que, segundo denuncian os afectados, “esta decisión aumentará o tempo entre saídas e chegadas, non explicaron que pasará se hai un fallo no sistema de cámaras, e tampouco está claro o futuro dos 7 ou 8 controladores que traballan en Alvedro e do persoal de mantemento asociado”.
Miguel Lorenzo recalca que “Inés Rey non pode permanecer calada ante este novo paso no desmantelamento do noso aeroporto, un instrumento fundamental non só desde o punto de vista turístico e de promoción da cidade, senón tamén como un elemento que axude a dinamizar e impulsar os indicadores económicos e empresariais”.
Ademais da cuestión da torre de control remota, o Grupo Popular coruñés reclama que a alcaldesa esixa ao goberno de Pedro Sánchez máis medidas para que o aeroporto poida operar optimizando ao máximo os dispositivos cos que conta, e tamén para a renovación e ampliación da dotación de infraestruturas. Entre as demandas figuran:
- A pesar de que a cabeceira norte conta desde 2008 co sistema ILS de categoría tres para aterraxes, a máis precisa, continúa en categoría dous, polo que seguen producíndose desvíos por néboa.
- Ampliación da terminal.
- Instalación doutro finger.
- Ampliación do espazo das salas de embarque.
- Instalación dun segundo filtro de seguridade.
Lorenzo concluíu lamentando que “Alvedro non pode seguir perdendo tamén rutas (Bilbao, Londres-Heathrow, París, Sevilla, etc.) e frecuencias (Barcelona, Canarias, etc.) sen que o Goberno municipal adopte medidas”.