O BNG apoia as denuncias contra a “censura ideolóxica” da Xunta nas aulas: “O PP quere impor unha mordaza no ensino”

A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila, reuniuse con CIG-Ensino e Anpas Galegas para expresar o seu rexeitamento ás instrucións que, segundo denuncia, buscan controlar ideoloxicamente as actividades escolares.
BNG
17 Jun 2025

O BNG manifestou o seu apoio ás denuncias da CIG-Ensino e da Confederación de Anpas Galegas fronte ao que cualifican de intento da Consellería de Educación de impor a censura ideolóxica nos centros escolares. A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila, mantivo unha reunión este luns coas entidades para analizar a situación e anunciar accións parlamentarias.

Davila acusou ao PP de pretender impor unha “mordaza” no ensino, limitando a liberdade do profesorado e a autonomía dos centros. “Non se trata de fomentar unha convivencia máis democrática, senón de controlar ideoloxicamente as actividades que se desenvolven nas aulas”, asegurou.

O BNG presentou por vía de urxencia unha iniciativa parlamentaria para reclamar a retirada das instrucións publicadas o 13 de xuño no DOG, que segundo a formación nacionalista, introducen un “modelo de censura” ao obrigar a informar á inspección educativa de todas as actividades non incluídas previamente na PXA.

A deputada nacionalista sinalou que estas medidas supoñen un “novo achegamento do PP ao ideario da ultradereita”, co obxectivo de silenciar cuestións que o alumnado debate libremente nas aulas como a situación en Palestina, o impacto ambiental de proxectos como Altri ou o estado da lingua galega.

Davila advertiu tamén que a nova normativa relega ao Consello Escolar, ao limitar as súas funcións de avaliación e aprobación das actividades dos centros. “Ponse en risco un ensino libre, plural e democrático”, advertiu.

A portavoz rematou subliñando que a normativa educativa vixente promove o pensamento crítico, a igualdade e a participación, e que calquera intento de censura vai en contra do obxectivo de formar unha sociedade xusta, solidaria e informada.

⚙ Configurar cookies
0.24220705032349