O BNG denuncia a actuación policial en "La Vuelta" na Galiza e pide explicacións ao Goberno

A formación nacionalista critica a detención de persoas que se manifestaban pacificamente en apoio a Palestina e reclama a súa posta en liberdade, así como a apertura dunha investigación.
Nestor Rego
8 Sep 2025

O BNG esixe explicacións ao Goberno central ante o que cualifica como unha “excesiva actuación” das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (FFCCSE) durante a xornada de "La Vuelta" celebrada en territorio galego.

A organización nacionalista denuncia que se produciron detencións de persoas que protestaban de maneira pacífica en apoio a Palestina, entre elas unha dirixente do propio BNG. Tamén sinala que houbo identificacións previas polo simple feito de portar bandeiras palestinas e galegas, e mesmo cargas policiais sen que existise, segundo o partido, ningunha ameaza á seguridade pública.

O Bloque reclama a inmediata posta en liberdade das persoas detidas e demanda a apertura dunha investigación para esclarecer os feitos, así como a depuración de responsabilidades na cadea de mando. Consideran que se vulneraron dereitos fundamentais como a liberdade de expresión e de manifestación.

Do mesmo xeito, o BNG volveu reclamar a retirada do equipo israelí de "La Vuelta" e instou á Xunta de Galicia a non participar nos actos oficiais das etapas que transcorren polo territorio galego.

⚙ Configurar cookies
0.34502291679382