O BNG denuncia a xestión da empresa Sogama na xestión dos residuos nos concellos de Galicia

"Durante este mes de agosto, Sogama está incumprindo as súas obrigas con diferentes concellos co servizo de tratamento e transferencia do lixo”, sinalou Paulo Ríos
Paulo-Ríos-BNG
9 Aug 2024

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Paulo Ríos, vén de denunciar a situación pola que están a pasar moitos concellos co seu tratamento de residuos.

"Coa chegada de verán, moitos concellos galegos aumentan considerablemente a súa poboación, polo que cobra aínda maior importancia un funcionamento correcto dos diferentes servizos municipais. Durante este mes de agosto vemos como Sogama está incumprindo as súas obrigas con diferentes concellos co servizo de tratamento e transferencia do lixo”, sinalou Paulo Ríos.

Esta cuestión está a crear graves problemas na recollida realizada polas diferentes empresas concesionarias en termos de acumulación, retrasos na recollida e sobre esforzo do persoal de ditas empresas, “ao non contar cos medios necesarios”, os cales debe fornecer SOGAMA, para levar os residuos desde as plantas de transferencia até ser tratados polo propio ente público.

“Pouco despois de ter aplicado un auténtico sablazo económico aos concellos coa suba do canon” apuntou o deputado, “vemos como SOGAMA non está a dar o servizo que debería, levando ás entidades locais a unha situación complicada á hora de levar a cabo a recollida de residuos nunha época onde moitos servizos municipais soportan unha maior carga debido á chegada do turismo”.

O BNG entende que SOGAMA debe estar igual de comprometida co servizo que debe dar como o está á hora de aumentar a carga económica que este servizo supón para os Concellos galegos.

0.096492052078247