O BNG denuncia que o PP incumpre reiteradamente as normativas europeas de medio ambiente

Ana Miranda visitou Cabanas e avanzou iniciativas no Parlamento Europeo para denunciar a situación dos áridos de Vilar do Colo, o Piñeiral da Madalena e a xestión das Fragas do Eume
Ana Miranda
20 Feb 2026

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou en Cabanas o “incumprimento reiterado” das normativas europeas de medio ambiente por parte do PP e avanzou a presentación de iniciativas no Parlamento Europeo para abordar distintos problemas ambientais na comarca do Eume.

A xornada comezou cun encontro co grupo municipal do BNG en Cabanas, encabezado por Iago Varela, e co deputado Xosé Manuel Golpe. Posteriormente, Miranda visitou o depósito de áridos asfálticos de Vilar do Colo, onde se acumulan máis de 290.000 toneladas de residuos procedentes dos Países Baixos nunha parcela forestal do Monte dos Cocidos, nas inmediacións do río Baa.

Segundo explicou, a inacción prolongada da Xunta provocou filtracións contaminantes cara acuíferos e captacións de auga, afectando tamén á ría de Ferrol. “Estamos ante un caso moi grave de pasividade ambiental que non pode continuar”, advertiu, asegurando que volverá levar o asunto ás institucións europeas para esixir a retirada dos residuos e a recuperación ambiental da zona.

A visita continuou no Piñeiral da Madalena, onde a eurodeputada coñeceu o proxecto de conservación financiado con fondos europeos de Transición Xusta, cun investimento de 498.872 euros. O BNG trasladou a súa preocupación por actuacións que consideran lesivas para o ecosistema, como cortas non programadas, talas para a construción dun aparcadoiro ou o depósito de area sen tratamento previo.

Durante o encontro coa veciñanza, Miranda amosou o seu apoio ao movemento social en defensa do Piñeiral e subliñou que os fondos europeos deben destinarse á protección e recuperación do territorio.

A xornada rematou cun encontro con representantes das asociacións de propietarias das Fragas do Eume, onde se abordaron problemas estruturais na xestión do parque natural. Miranda avanzou a presentación dunha pregunta parlamentar para trasladar a situación ás institucións europeas e impulsar un Plan de Usos que compatibilice a conservación ambiental cos dereitos das persoas propietarias.

⚙ Configurar cookies
0.30793190002441