O BNG esixirá en Madrid que se rectifique o plan de reforma de impostos para os autónomos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia a pregunta que a formación nacionalista realizará na vindeira sesión de control ao Goberno do Estado na cámara baixa. A organización exixirá ao executivo rectificar nos seus plans e apostar por un sistema máis xusto e progresivo en que as achegas á Seguranza Social se axusten verdadeiramente aos ingresos reais e non impliquen un castigo para quen menos gaña.
“Considera razoábel e xusta a proposta que realizou o seu Ministerio de suba das cotizacións ás persoas autónomas?” será a pregunta que formulará o deputado nacionalista á Ministra de Inclusión, Seguranza Social e Migracións a vindeira cuarta feira no pleno do Congreso.
Para a organización nacionalista, a proposta do Goberno do Estado de subir as cotas ás persoas autónomas, especialmente dos tramos máis baixos “é un despropósito maiúsculo” e merece a súa rectificación. “Que alguén que gaña 500 euros teña que pagar 252 euros de cota en 2028 é unha auténtica barbaridade e a subida que se pretende resultaría insostíbel para milleiros de pequenos traballadores e traballadoras por conta propia que menos ingresos teñen” denuncia o deputado do BNG no Congreso.
“O Goberno está a asfixiar as persoas autónomas dos tramos máis baixos no canto de apostar por un sistema máis xusto e progresivo onde as achegas á Seguranza Social se axusten verdadeiramente aos ingresos reais e non impliquen un castigo para quen menos gaña” defende Néstor Rego.
O deputado nacionalista avanza que o BNG non só se oporá a esta proposta do Goberno senón que traballará para unha redución das cotas para os tramos máis baixos. “Son milleiros de traballadores e traballadoras as que soportan unha presión fiscal e administrativa desproporcionada mentres o executivo non avanza na progresividade fiscal nin se axusta aos ingresos reais” denuncia Rego.