O BNG esixirá no Senado garantir as conexións de internet e telefonía móbil no rural galego afectado polos incendios

Advirten de que hai lugares que se atopan nunha “incomunicación total” meses despois da vaga de lumes, especialmennte en concellos como Trives, Manzaneda, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa
carme-da-silva
Carme da Silva
12 Dec 2025

O BNG, a través da senadora Carme da Silva, defenderá na Comisión de Transformación Dixital do Senado unha moción para reclamar do Goberno medidas urxentes para restaurar con garantías os servizos de internet e telefonía móbil e en acelerar a extensión da banda ancha ao conxunto do territorio galego logo da vaga de lumes.

Os nacionalistas denuncian os graves problemas de conectividade que padecen numerosos concellos da Galicia despois dos incendios deste verán, incidindo especialmente na situación de concellos como Trives, Manzaneda, A Mezquita ou Chandrexa de Queixa, onde os lumes afectaron de maneira directa ás infraestruturas de fibra óptica e telefonía, deixando meses despois a centos de persoas con conexións provisionais, interrupcións constantes e dificultades para desenvolver actividades básicas como trámites administrativos, teletraballo, servizos bancarios ou teleasistencia.

Por iso, o BNG insta Goberno do Estado a esixir ás operadoras que solucionen de maneira urxente os problemas de conexión e cobertura nos municipios afectados polos lumes, onde os cables e a fibra óptica quedaron danados, asi como que se negocie coas operadoras que completen o despregamento da fibra óptica até alcanzar 100% dos fogares do rural galego, asegurando o cumprimento dos obxectivos do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais de Banda Ancha.

Para Carme da Silva, “o Executivo debe adoptar medidas para evitar a incomunicación das poboacións afectadas e garantir o acceso aos servizos esenciais mentres non sexa restablecida a rede definitiva”. Ademais, denuncia que “non é aceptable que, meses despois dos incendios, haxa familias e empresas que sigan con conexións precarias, cortes constantes e nula información por parte das operadoras”.

As telecomunicacións, lembra a senadora, “son hoxe un servizo básico, imprescindíbel para vivir, traballar ou acceder a servizos esenciais; non pode haber cidadáns de primeira e de segunda por vivir no rural”.

Ademais, considera que “o Goberno debe actuar con contundencia”, lembrando que “as operadoras recibiron fondos públicos e teñen que garantir a cobertura, a calidade e o acceso universal, tal e como marca a lei”. Para os nacionalistas, “non cumprir no rural galego cos obxectivos de banda ancha significa condenar estas zonas ao illamento dixital e demográfico”.

⚙ Configurar cookies
0.2865731716156