O BNG insta ao Goberno a actuar ante as denuncias laborais nas obras do tren a Punta Langosteira

Néstor Rego traslada o apoio ás traballadoras e traballadores afectados ante a actitude "inxustificábel" da UTE
Nestor Rego
8 May 2025

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado co obxectivo de esixir ao Goberno medidas ante as graves denuncias feitas públicas sobre a vulneración de dereitos laborais e as agresións racistas por parte da UTE encargada da conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña.

A preocupación do Bloque intensificouse tras a denuncia feita a pasada semana pola Confederación Intersindical Galega (CIG), na que se facía pública a agresión verbal e física sufrida por un traballador da obra do tren a Punta Langosteira por parte dun operario dunha subcontrata. A situación agravouse ao comezo desta semana, cando o comité de empresa protagonizou un fechamento para reclamar melloras na seguridade e unhas condicións laborais dignas, denunciando a pasividade da empresa fronte ao episodio racista e xenófobo.

“A pesar de que a CIG puxo en coñecemento da UTE e foi tratado en diferentes reunións, o agresor continúa desenvolvendo as súas funcións nas obras e coincidindo diariamente coa vítima agredida”, denuncia Rego, cualificando a resposta da empresa como unha “actitude pasiva” e “inxustificábel”.

O deputado nacionalista lembra que os feitos tiveron lugar nunha obra pública executada baixo supervisión do Goberno do Estado, a través do Ministerio de Transportes e ADIF, polo que considera que tamén é responsabilidade da administración asegurar condicións laborais seguras e libres de calquera forma de discriminación. “O Goberno debe asegurar -ben como licitadora ou ben a través da inspección de traballo- que as empresas adopten as medidas oportunas para impedir que sigan a producirse ataques por motivos racistas, a loitar contra todo tipo de discriminacións e desigualdades”, subliña.

Rego tamén alerta sobre outras irregularidades laborais nas obras, sinalando que “desde a representación sindical formulouse a necesidade de mellorar as condicións en materia de seguridade e saúde, sobre o goce de vacacións, o pagamento dos salarios e retencións”. Fronte a estas reclamacións, critica que a UTE manteña unha posición de desatención.

“Todas estas cuestións, desatendidas por parte da empresa que executa unha obra pública, tamén debe ser obxecto de estudo e de actuación por parte do Goberno”, conclúe o deputado do BNG, reiterando a súa demanda dunha intervención inmediata para garantir o respecto aos dereitos das traballadoras e traballadores.

⚙ Configurar cookies
0.10582709312439