O BNG leva ao Parlamento a crise de Sargadelos e reclama unha intervención pública da Xunta

A formación nacionalista promove unha iniciativa de urxencia ante o ERTE que afecta 86 empregados e a dimisión do CEO, alertando da “alarma social” e da incerteza laboral na factoría de Cervo
Ana-Pontón-BNG
28 Nov 2025

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego presentou no Parlamento unha Proposición non de lei (PNL) pola vía de urxencia para analizar a situación que atravesa a fábrica de Sargadelos, en Cervo, e para reclamar que a Xunta tome medidas inmediatas que garantan o mantemento da actividade e dos postos de traballo. A iniciativa, asinada polos deputados Daniel Castro García, Xosé Manuel Golpe Acuña, Brais Ruanova Vilas-Boas e Ramón Fernández Alfonzo, así como polas deputadas Carmela González Iglesias e Saleta Chao Rivas, busca que o asunto se debata de maneira prioritaria na Comisión 6ª.

O BNG xustifica a urxencia desta proposta pola “alarma social” xerada tras a decisión da empresa de aplicar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por forza maior, con efectos desde o 27 de novembro e ata o 15 de decembro. Esta medida afecta directamente a 86 traballadores e traballadoras, que recibiron a comunicación de forma inmediata e nun contexto que cualifican de “total indefensión”.

A esta situación engádese a dimisión, tamén comunicada o 27 de novembro, do dono da compañía como xestor ou CEO perante o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña. O BNG subliña que este novo episodio volve deixar o persoal nunha posición de incerteza que “xa non é nova” e da que, segundo relatan representantes laborais, “volvemos sentir que se trata dunha tomadura de pelo”.

O Bloque advirte de que esta crise se produce nunha comarca, A Mariña lucense, “que leva anos convivindo cunha realidade industrial moi complexa”, polo que alerta de que non se pode permitir a perda dun proxecto produtivo histórico como Sargadelos, símbolo da cerámica galega e xerador de emprego directo e indirecto.

Na súa exposición de motivos, o grupo nacionalista acusa á Xunta de “inacción e incapacidade” para garantir un futuro estable á factoría, e insiste en que é imprescindible que o Goberno galego dea un paso adiante e se implique activamente na resolución do conflito.

Por todo isto, a PNL presentada polo BNG conclúe solicitando que o Parlamento inste o Executivo autonómico a intervir publicamente a planta de Sargadelos en Cervo, coa finalidade de asegurar tanto a continuidade da fábrica como a preservación dos postos de traballo actuais.

⚙ Configurar cookies
0.28866314888