O BNG reclama á Xunta medidas urxentes para protexer a igrexa de Santa María do Azougue

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pediu explicacións á Xunta de Galiza, administración competente en materia de patrimonio, en relación coa obra que se está levando a cabo na igrexa de Santa María do Azougue, en Betanzos. A deputada do BNG, Mercedes Queixas, manifestou a súa preocupación tras a difusión dun vídeo nos medios de comunicación e redes sociais que evidencia a incompetencia da empresa encargada da execución dos traballos.
"Despois de ver onte nos medios de comunicación e redes sociais un vídeo onde se pon claramente de manifesto a incompetencia da empresa que está executando a obra contratada pola Xunta na igrexa de Santa María do Azougue, unha das mellores mostras do gótico galego, estamos francamente preocupadas polos riscos para a conservación dos seus elementos patrimoniais", declarou Queixas.
A deputada lembrou que é responsabilidade da Xunta garantir a protección e conservación do patrimonio cultural galego. "A Xunta de Galiza é a administración que ten que velar pola conservación do noso patrimonio e, polo tanto, pedímoslle que actúe para garantir esta conservación e controle a execución das obras de rehabilitación contratadas", engadiu.
O vídeo que xerou a polémica mostra un guindastre elevando unha pequena formigoneira ata o tellado da igrexa, movemento que, debido aos evidentes bandazos da maquinaria, parece mesmo impactar na fachada do edificio. "Este tipo de actuacións poderían provocar danos na fachada, nas fiestras ou mesmo un prexuízo irreparábel na estrutura da igrexa de Santa María", alertou Queixas.
Ante esta situación, o BNG anuncia que trasladará unha pregunta ao Parlamento galego para saber se a Xunta é consciente das irregularidades que se están a producir nesta obra e que medidas pensa adoptar para garantir a conservación deste valioso exemplo do gótico galego.