O BNG solicita que se declaren de utilidade pública os tratamentos contras as bandas nos piñeirais

Pol
Tanto a vermella como a marrón, son enfermidades fúnxicas que causan a defoliación das coníferas e o seu debilitamento, polo que é aconsellable aplicar tratamentos para reducir o seu impacto
bng-parroquia-pol-arbores
14 Mar 2025

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Valcárcel, denuncia mediante unha batería de preguntas no Parlamento Galego a situación que se vive nos montes de Pol, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde ou a comarca de Meira, incluso A Mariña ou A Terra Chá coa chamada enfermidade de bandas das aciculas dos piñeiros (banda marrón e banda vermella).

As bandas, tanto a vermella como a marrón, son enfermidades fúnxicas que causan a defoliación das coníferas e o seu debilitamento, polo que é aconsellable aplicar tratamentos para reducir o seu impacto. Nas masas de piñeiros galegas está a rexistrarse non só a afección da banda marrón e vermella senón que tamén se producen danos por outras enfermidades, como a diplodia e a cyclaneusma, causadas por fungos e cuxos danos a simple vista resultan moi parecidos ós das bandas. Resultando, que no monte está habendo un conglomerado de fungos cuxos efectos e síntomas sobre os piñeiros son semellantes e que se coñecen como os vermellos criptogámicos.

Nesta visita aos montes de Valonga e Lúa en Pol púidose constatar a afectación que os piñeiros teñen da enfermidade das bandas. “Os piñeiros afectados comenzan a poñerse marróns pola parte baixa e logo o problema vai subindo e estendéndose, ata o punto de que algunhas árbores rematan por secar", explica a deputada nacionalista.

Hai montes con repoboacións novas, que se volveron ver afectadas pola banda marrón, e por recomendación de expertos tiveron que talar ás árbores, “pero a Xunta de Galiza a pesares destes graves prexuízos non ten nada previsto para controlar esta praga” insiste Valcárcel.

O BNG reclámalle ao Executivo de Afonso Rueda declarar a utilidade pública dos tratamentos en áreas estratéxicas de piñeirais de Pinus radiata afectados polas enfermidades das bandas, “de xeito que sexa posible o acceso e actuación da Administración en predios privados, por causas de interese xeral, nesta primavera do 2025” conclúe Montse Valcárcel.

⚙ Configurar cookies
0.2037239074707