O BNG solicitará no Parlamento Galego que a TVG emita os partidos do CB Breogán

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, anunciou que presentará unha serie de iniciativas para instar á TVG a adquirir os dereitos e emitir os partidos do CB Breogán na ACB.
Rodil destacou que “a ninguén escapa a afección que se sente, non só no concello de Lugo, polo C.B. Breogán, a cidade e o conxunto de Galicia temos a sorte e o orgullo de contar cunha equipa histórica que leva décadas no máis alto nivel de competición actuando, alén do deportivo, como embaixadora do noso País”, e engadiu que “este apoio e seguimento da afección non se ve correspondido coa presenza do CB Breogán nos medios públicos de Galicia”.
A TVG só retransmitiu os partidos do Breogán cando o club competiu en Europa na tempada 2023/2024. Rodil subliñou que, a pesar de entender o disparatado mercado dos dereitos de emisión deportiva e o monopolio que exercen as grandes produtoras, outras corporacións públicas están a traballar para emitir partidos das súas áreas de influencia.
Esta tempada 2025/2026, a televisión pública de Catalunya anunciou que retransmitirá en aberto 14 partidos do Juventut, 10 en Esport3 e outros en TVE, mentres que as televisións públicas vasca e canaria negocian dereitos para as súas equipas.
Rodil lamentou que a CRTVG “non amosou nos últimos anos nin nesta tempada que está a piques de comezar interese por adquirir eses dereitos e retransmitir en aberto, aínda que fose unha parte, dos encontros”.
A deputada destacou que “o deporte galego e especialmente os clubes que levan o nome de Galicia ao máis alto nivel de competición merecen que os seus medios públicos, os de todas as galegas e galegos, lle dean un tratamento á altura do seu nivel deportivo e do da súa afección”.