O Campionato Galego de Rallys do próximo ano dará comezo en febreiro nas Pontes

A Federación Galega de Automobilismo deu a coñecer o calendario oficial de competicións para a tempada 2026, no que se recollen as principais citas do automobilismo galego ao longo do ano. A actividade arrancará a comezos de febreiro, coa celebración do Campionato Galego de Karting nas Pontes, que terá lugar os días 6, 7 e 8 dese mes.
Tras a disputa dunha primeira proba de Rallysprint tamén en febreiro, o Campionato Galego de Ralis iniciará o seu percorrido coa trixésima edición do Rally do Cocido de Lalín, programada entre o 6 e o 8 de marzo, converténdose na primeira cita puntuable da especialidade.
O calendario de ralis presenta unha novidade destacada en relación a este ano, xa que o Rally da Coruña non figura na relación de probas para 2026. A ausencia explícase pola decisión da organización de desvincularse do campionato autonómico para integrarse no Tour European Rally e no Tour European Rally Historic, tal e como xa fora anunciado con anterioridade pola propia Federación.
O Campionato Galego de Ralis manterá un total de nove probas puntuables. No lugar do Rally da Coruña incorpórase o Rally Ourense–Ribeira Sacra, que celebrará a súa décimo terceira edición e porá o peche á tempada entre os días 6 e 8 de novembro. Ao longo do ano tamén se disputarán as probas de Noia, A Mariña Lucense, Pontevedra, Sur do Condado, Ferrol, Comarca do Carballiño e San Froilán.
No que respecta ao Campionato Galego de Autocross, a tempada comezará o 20 de marzo en Arteixo e finalizará o 11 de outubro no circuíto do Castro. Entre medias, a competición pasará en dúas ocasións por Carballo e fará escala en Santa Comba, ademais de repetir en O Castro e Arteixo, completando así un calendario variado e repartido por distintos puntos da xeografía galega.