O Castro de San Cibrao de Las xa é Ben de Interese Cultural

A resolución pon en valor o enclave como elemento crucial no coñecemento da Idade do Ferro e outórgalle a máxima protección patrimonial
castro-san-cibrao-de-las
Castro de San Cibrao de Las
24 Nov 2025

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a declaración do Castro de San Cibrao de Las, situado entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, como Ben de Interese Cultural (BIC), unha delcración que xa fora aprobada polo Consello da Xunta a pasada semana que outroga a este lugar máxima protección patrimonial en recoñecemento ao seu valor científico e á súa relevancia histórica, ao tratarse dun dos castros máis sobranceiros e coñecidos de Galicia.

Segundo o expediente, o asentamento destaca polo seu excelente estado de conservación, cun 15% da superficie escavada e musealizada.

As intervencións realizadas ao longo dos anos permitiron descubrir múltiples estruturas, entre elas vivendas, murallas, rúas, portas monumentais e alxibes. Tamén foron recuperados numerosos materiais arqueolóxicos —como cerámicas, ferramentas líticas, obxectos de vidro, pezas metálicas e moedas— que constitúen un importante recurso para a investigación e a divulgación histórica.
O xacemento é clave para comprender a Idade do Ferro en Galicia, especialmente a súa etapa final e a transición ao período romano.

Ademais, a Xunta salienta que a integridade do xacemento permaneceu practicamente intacta ao longo dos séculos, conservando a súa morfoloxía orixinal. A súa singularidade motivou a creación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, inaugurado en 2014, que funciona como centro de interpretación e contribúe a consolidar e difundir o patrimonio castrexo. Na actualidade, San Cibrao de Las é un dos xacementos máis visitados de Galicia.
Coa súa declaración como BIC, o número total de bens protexidos en Galicia ascende a 793, dos cales máis de 60 están na provincia de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.29717302322388