O Caudal Fest regresa a Lugo en 2026 con Lori Meyers á fronte da súa oitava edición

O Caudal Fest xa ten data para a súa oitava edición e volverá converter Lugo nun dos grandes epicentros musicais do final do verán galego. O festival celebrarase os días 18 e 19 de setembro de 2026 no Xardín do Pazo de Feiras e Congresos da cidade, manténdose fiel ao seu lema de ‘A Última Gran Festa do Verán’.
Os primeiros abonos sairán á venda este venres 21 de novembro ás 12.00 horas, cunha tirada inicial de entradas promocionais. A venda realizarase a través da web oficial do festival e das plataformas habituais de venda de entradas.
O primeiro avance de cartel combina algúns dos nomes máis recoñecidos do pop e do indie estatal con novas propostas da escena alternativa. Entre as bandas xa confirmadas figuran Lori Meyers, Siloé, La La Love You, Pignoise, Sanguijuelas del Guadiana, Sexy Zebras, Barry B, Besmaya, Anni B Sweet e Inazio, xunto con Taburete e outros artistas que se irán anunciando nas vindeiras semanas.
Durante dous días, o recinto do Xardín do Pazo de Feiras e Congresos acollerá longas xornadas de concertos en horario de tarde e noite, cunha programación que roldará as dez horas diarias de música en directo. O Caudal Fest, que conta co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, consolidouse como unha das citas máis destacadas do calendario de festivais galegos tanto polo seu impacto cultural como polo retorno económico e turístico para a cidade.
A organización subliña que o evento mantén a súa aposta por un formato que combina grandes nomes, proxectos emerxentes, gastronomía galega e servizos pensados para todos os públicos, co obxectivo de repetir o éxito de asistencia das últimas edicións e pechar unha vez máis o verán ao pé do Miño con miles de persoas bailando fronte ao escenario.