O CHOP realiza con éxito a primeira cirurxía en Galicia de implante de prótese de perna por osteointegración

Un paciente novo beneficiouse dunha técnica pioneira que conecta directamente a prótese ao óso, mellorando a funcionalidade e calidade de vida
Protesis-osteointegrada-CHOP-Pontevedra-2025-equipo-
23 May 2025

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) culminou con éxito a primeira intervención en Galicia para implantar unha prótese de membro inferior por osteointegración, un procedemento innovador que supón un salto cualitativo na recuperación de persoas amputadas.

A operación foi realizada nun varón novo cunha amputación supracondilea, conectando directamente a prótese ao óso, sen necesidade de encaixes tradicionais. A técnica, semellante á dos implantes dentais, mellora a estabilidade, a mobilidade e o confort dos pacientes.

A intervención desenvolveuse en dúas fases. Na primeira, practicada hai oito semanas, implantouse un vástago metálico no óso do muñón. A segunda fase, rematada este venres, centrouse na integración da prótese externa, para o cal se contou coa colaboración do recoñecido técnico ortopédico Diego Somoza López, desprazado expresamente desde Alemaña. Foi el quen executou o axuste preciso da prótese ao vástago, empregando unha técnica sen encaixe que garante maior precisión e confort.

A operación foi coordinada polo servizo de traumatoloxía do CHOP e contou coa participación do doutor Alberto Jorge Mora, xefe de traumatoloxía do Chuac da Coruña e especialista en reconstrución e cirurxía pélvica. A segunda fase foi liderada pola unidade de amputados do CHOP, dirixida pola doutora Lourdes Rey Pita e a fisioterapeuta Esther Bouzas López, con apoio de técnicos ortoprotésicos.

A prótese implantada é un modelo BADAL X osteointegrado, ao que se lle sumou unha c-leg, un xeonllo electrónico de alta gama que se controla por ordenador, permitindo movementos máis naturais e maior seguridade.

Desde o CHOP salientan que o paciente foi asesorado e acompañado durante todo o proceso, respectando os tempos necesarios para a correcta integración do vástago óseo e a cicatrización da zona de saída da prótese. “É un paso decisivo cara á vangarda médica na sanidade pública galega”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.11012101173401