O CHUO lidera a formación en cirurxía robótica de mama a nivel nacional

A súa experiencia co sistema Davinci converte a Ourense nun centro de referencia para acreditar a profesionais neste tipo de intervencións
chuo-cirurxía-robotica-mama
Sala de Cirurxía Robótica do CHUO
27 Jun 2025

O Hospital Universitario de Ourense (CHUO) consolídase como un referente estatal na formación en cirurxía robótica de mama, grazas á experiencia acumulada desde a incorporación do sistema cirúrxico Davinci. O Servizo de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo leva realizadas preto de 50 intervencións de mastectomía con reconstrución e implantación de prótese nun só acto, reforzando así o seu papel como centro formador e acreditador de especialistas nesta técnica.

Durante o ano 2024 realizáronse trece intervencións con asistencia de profesionais procedentes de distintos hospitais da península. Entre eles, destaca a visita deste mesmo xoves do especialista en oncoloxía mamaria Rogelio Andrés Luna Bureo, do Centro Clínico da Fundación Champalimaud de Lisboa.

A unidade de mama da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras sitúase á vangarda estatal no uso da cirurxía robótica en mama, sendo, xunto co Hospital Germans Trias i Pujol, un dos centros con maior volume de intervencións neste ámbito.

O equipo da Unidade de Mama, formado por Manuel García, xefe do servizo, Purificación Fernández, Ernesta Valeiras, Carmen Fagilde e Marta Ardavín, participa habitualmente neste tipo de intervencións. Segundo o doutor García, as vantaxes da cirurxía robótica son claras: incisións máis pequenas, menor afectación da pel e mellores resultados estéticos, xa que a cicatriz se limita a unha pequena apertura na axila. Ademais, esta técnica reduce as complicacións postoperatorias e mantén os mesmos estándares de seguridade oncolóxica que a cirurxía convencional.

A intervención realízase mediante unha incisión duns 4 centímetros na liña axilar, a través da cal se extirpa a glándula mamaria conservando a pel. Isto facilita a reconstrución, diminúe a aparición de hematomas ou linforraxias e favorece unha recuperación máis rápida cun menor impacto visual.

Outra das grandes vantaxes do sistema robótico é a visión tridimensional en alta definición e a capacidade das pinzas para moverse en 360 graos, o que permite un control preciso sobre estruturas anatómicas de difícil acceso coa cirurxía tradicional.

Esta técnica está especialmente indicada en casos de mastectomía extensa por cancro ou en intervencións profilácticas derivadas de antecedentes xenéticos, onde a precisión da robótica facilita a reconstrución e reduce os riscos.

O uso da cirurxía robótica en Ourense comezou tras a adquisición, en xullo de 2021, dun sistema Davinci para cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia. Estes equipos están presentes nos hospitais de referencia e empréganse en especialidades como Cirurxía Xeral, Uroloxía, Xinecoloxía, Obstetricia e Otorrinolaringoloxía.

Desde a súa implantación, no CHUO realizáronse máis de mil intervencións asistidas por robot. Só no ano 2024 efectuáronse 349 operacións: 187 en cirurxía xeral, 81 en xinecoloxía, 78 en uroloxía e 3 en otorrinolaringoloxía. Estes datos consolidan o hospital ourensán como un dos centros máis activos no uso desta tecnoloxía en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.26957297325134