O Concello asistirá a Las Rozas o luns 12 de maio para esixirlle á Federación Española coñecer “absolutamente todo” sobre a selección de sedes

Abel Caballero asegura que Vigo defenderá por vía xudicial a súa inclusión como sede e advirte que “non hai confidencialidade nun concurso público”.
Abel Caballero Vigo
5 May 2025

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello acudirá o vindeiro luns 12 de maio á sede da Real Federación Española de Fútbol en Las Rozas (Madrid) para esixir “toda a información” sobre o proceso de selección das sedes do Mundial 2030. Segundo indicou, esta xuntanza ten como obxectivo preparar a vía xudicial co fin de que “a Federación repoña a Vigo como sede, porque Vigo gañouno”.

Caballero denunciou que ata o momento a Federación só permitía consultar o expediente correspondente á candidatura de Vigo, pero agora acepta que se revise toda a documentación “que non sexa confidencial”. Fronte a isto, o rexedor vigués foi claro: “Imos plantexarlles que queremos coñecer absolutamente todo, porque nun concurso público non hai confidencialidade”.

O alcalde cualificou o proceso como “un escándalo” e avanzou que a cidade esixirá luz e taquígrafos sobre os criterios aplicados, os baremos utilizados, as reunións celebradas, os lugares onde se desenvolveron e as persoas asistentes. “Foi un proceso opaco e queremos claridade”, insistiu.

Caballero deixou claro que “da Federación Española non me fío nada” e que o Concello defenderá os intereses da cidade ata as últimas consecuencias. “Ao final comezamos a dobrarlle o pulso á Federación”, sinalou.

⚙ Configurar cookies
0.11334705352783