O curso escolar 2025/26 comezará o 8 de setembro e rematará o 19 de xuño

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula o calendario escolar para o curso 2025/26, que comezará o 8 de setembro e rematará o 19 de xuño de 2026 para todas as etapas educativas, agás os segundos cursos dos ciclos formativos de grao Básico, Medio e Superior de Formación Profesional, que rematarán o 15 de xuño.
No caso das Ensinanzas de Réxime Especial, poderase flexibilizar o inicio das clases ata o 15 de setembro como moi tarde, debido ás súas características específicas. Así mesmo, as clases de 2º de Bacharelato rematarán en función das datas da Proba de Acceso á Universidade (PAU).
As vacacións de Nadal serán do 22 de decembro de 2025 ao 7 de xaneiro de 2026, ambos incluídos. Para o Entroido, serán días non lectivos o 16, 17 e 18 de febreiro. En Semana Santa, o descanso irá do 30 de marzo ao 6 de abril.
Tamén serán días non lectivos o 31 de outubro (Día do Ensino), o 3 de novembro e as festas laborais de ámbito estatal, autonómico e local.
As probas de avaliación diagnóstica marcadas pola LOMLOE realizaranse do 20 ao 24 de abril para 4º de Primaria, e do 13 ao 17 de abril para 2º da ESO.
Por último, os centros educativos poderán aplicar un período de adaptación para o alumnado de 4º de Infantil, que non poderá prolongarse máis alá do 12 de setembro.